Os Concellos de Muxía e Vimianzo veñen de encargar o proxecto para intervir na estrada que une Lago, en Muxía, e Cereixo, en Vimianzo.
Ambas administracións, “en perfecta sintonía”, reuníronse esta mañá para concordar o equipo técnico ao que se lle encargará a redacción do mesmo, e que suporá “un paso moi importante para o devir desta obra e, consecuentemente, para a mellora infraestrutural que suporá para moitas e moitos veciños de ambos municipios”, sinalan.
Valoración de Iago Toba e Mónica Rodríguez
O alcalde de Muxía, Iago Toba, sinala “a relevancia de conxuntar forzas con outras administracións para acadar importantes melloras en Muxía, e este é o camiño para que a nova estrada de Lago a Cereixo sexa unha realidade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo destacar a “total disposición e coordinación de ambos grupos de goberno para poder levar a cabo unha mellora nas conexións intermunicipais, na que se primará tamén a seguridade viaria”, comenta. Posteriormente, tratarase este tema coa Deputación, unha das institucións coas que se leva tratando o tema “xa varios meses”, sinalan.