O xeriátrico municipal de Boimorto acaba de ser desaloxado, como medida preventiva, despois de declararse un lume na cociña das instalacións. Ningunha persoa resultou ferida.
O centro afectado sitúase na estrada da Gándara. Un dos seus responsables contactou co 112 Galicia ás 12:30 horas para explicar a situación. Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias alertou aos Bombeiros de Arzúa e a Urxencias Médicas. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil.
Aínda que todos os residentes se atopan en boas condicións, os efectivos sanitarios decidiron mobilizar unha ambulancia. Arestora, unha dotación dos Bombeiros continúa a traballar no punto.
Fonte-Axega 112