O concello de Santa Comba aprobou uns orzamentos que ascenden a 9.954.000 euros. Votou a favor o PSOE e en contra o PP.
Foi o concelleiro de Obras e Servizos, Pablo Negreira, o que explicou as contas, inferiores ás últimas do PP (10,7m) xa que “as previsións eran moi optimistas” e a intención do novo executivo era “axustalas” e tamén lograr que “o concello recupere o equilibrio financeiro”.
Máis da metade do gasto vai para persoal (51%) con 5.168.000 euros. Para gasto corrente 3.611.000 euros e para inversións 866.000 euros. Neste apartado enumerou varias actuacións previstas en materia de mellora de vías.
O alcalde Alberto Romar explicou que aparte dos orzamentos hai obras que se financian con outros plans como o POS da Deputación. E aclarou que ter unha cantidade inferior non vai significar «facer menos cousas», e avogou por ir buscando uns orzamentos máis realistas.
O PP afirma que son orzamentos semellantes os anteriores
O Partido Popular votou en contra. Juan José López Muñoz botou en falta a existencia dunha RPT, e pediu mellor a labor de inspección para aumentar os posibles ingresos. Pablo Negreira aclarou que había unha RPT contratada polo anterior goberno “pero a empresa non cumpriu os prazos”.
A portavoz popular, María Pose, sinalou que “son uns orzamentos semellantes ós nosos, polo tanto os nosos non eran tan malos”. Defendeu a xestión do seu goberno e insistiu que as contas aprobadas eran “moi paralelas” ás anteriores pero con 800.000 euros menos de montante.
Alberto Romar comentou que pretendía que houbera “liñas de entendemento” entre goberno e oposición e destacou a tónica coa que se desenvolveu esta sesión.
Outros asuntos plenarios
Neste pleno extraordinario realizouse o sorteo de mesas para as Eleccións Europeas.
Coa intervención de Estefanía Calvelo, tomouse en coñecemento un informe de control interno da Intervención municipal. Desde o PP, Juan López recoñeceu que lle gustaba “o ritmo novo que vai collendo o concello”. Nesta liña aprobouse por unanimidade o Plan de Control Financeiro do concello, que foi explicado polo interventor Javier Ulloa.
Tamén se aprobaron os prezos da Aula Mentor, que a popular María Pose definiu como «un referente na comarca” que estivo paralizado e se reactivou no 2019. Neste punto o PP abstívose.
Tamén o fixo no Plan Estratéxico de Subvencións, detallado pola concelleira Patricia Val, que xustificou a medida na “vontade de modernizar o concello” e contar cun “instrumento dinámico”.
Juan López apoiou a proposta que facilita “a transparencia” pero lamentou que todas as subvencións que se recollen nos orzamentos son nominativas, cando o plan vai noutra dirección. Desde o PSOE explicaron que pretenden un “tránsito fácil” para as asociacións e a implantación inmediata suporía unha eiva para entidades “que están facendo un gran traballo”.