O goberno local de Muxía respondeu as críticas formuladas desde o PP lamentando “profundamente” o que consideran como “desinformación interesada dos populares de Muxía que, unha vez máis, empregan esta estratexia de verter loiadas para facer política”.
“Nunca un peregrino quedou sen muxiana, posto que incluso o Concello se ofrece a envialo fisicamente por correo a todas as persoas que acrediten o seu percorrido e que teñan algún tipo de problema no momento da súa recollida física” declarou o alcalde Iago Toba.
Política de lodo e mentiras do PP de Muxía
Toba rexeitou a “política de lodo e mentiras” e convidou os populares a que “ acudan ata a Oficina de Turismo de Muxía para comprobar como a día de hoxe se están a entregar muxianas con total normalidade”.
Con respecto ao suposto “desprezo” ao sector turístico local nos premios de Booking, pediu á portavoz Sandra Vilela que “que volva a visualizar ao vídeo, as veces que faga falta, e xa ela mesma darase conta do seu erro e de que volve a faltar á verdade”.
Desde o goberno local socialista explican que no momento da entrega do devandito premio, o alcalde agradeceu, en nome da vila, á empresa e usuarios de Booking, aos empresarios do sector do municipio, así como tamén quixo dedicar o premio “a todos os antepasados que construíron a Muxía que hoxe desfrutamos”.