Segundo o concello, o parque eólico Alvite “afectará negativamente” as parroquias das Maroñas e Eirón.
A Casa da Cultura da Picota acolle unha xuntanza para informar sobre o Parque Eólico Alvite que contempla a instalación de 12 aeroxeradores dos cales seis se atopan dentro do termo municipal de Mazaricos e o resto repartidos entre Santa Comba e Negreira.
Segundo explicou o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, o concello presentará alegacións “no nome de toda a veciñanza, e que igualmente asesorará a particulares afectados pola instalación do parque”.
Alegacións proxecto eólico Alvite
Neste sentido, todas as persoas que o desexen poden pedir cita para os días 29 e 30 de xuño e 5 e 6 de xullo, de 12h a 14h, na Casa do Concello. As persoas interesadas recibirán asesoramento para a presentación de alegacións. O teléfono para reservar cita é o 981 86 71 04. O prazo de alegacións pecha o vindeiro 22 de xullo.
“Consideramos que este parque afectará negativamente á calidade de vida da veciñanza nas parroquias das Maroñas e de San Fins de Eirón, afectando a terras de cultivo e aproveitamento agrogandeiro”, explicou o alcalde. Recentemente referíase a esta problemática nunha entrevista en Radio Xallas.
O mandatario asegura que o proxecto “vai afectar á liña estrutural do Camiño de Santiago, polo que confiamos no criterio da Dirección Xeral de Patrimonio para evitar que o proxecto se materialice nestas condicións”.
“Este proxecto, tal como está concibido, atenta directamente contra o benestar dos veciños de moitos núcleos das Maroñas e Eirón, e supón ademais un auténtico torpedo contra un dos sectores estratéxicos na economía local como é o do turismo”, resumiu o alcalde.
Por este motivo, Juan Blanco animou á veciñanza da área afectada a “alegar e presentar unha posición de forza para que non se pisen os seus dereitos, porque en Mazaricos xa demos exemplo e imos seguir dándoo de responsabilidade social e ambiental no aproveitamento dos nosos recursos”.