Os servizos de emerxencia liberaron esta tarde a un home que quedou atrapado debaixo da cabina do camión que conducía ao tratar de realizar unha manobra no lugar de Forniños, no termo municipal coruñés de Negreira.Segundo a información facilitada polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o camioneiro foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
O incidente produciuse ao fío das 16:15 horas de hoxe na parroquia de Xallas. De acordo co relato da persoa particular que chamou ao 112, un veciño advertiulle dun home que necesitaba axuda ao rematar atrapado debaixo dun camión.
Decontado, os xestores do 112 pasaron avisos aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, co fin de prestar asistencia ao ferido coa maior brevidade posible, comunicaron a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero, finalmente, o condutor do vehículo foi encamiñado ao hospital en ambulancia.
Ademais, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Santa Comba e dos efectivos do GES de Brión.Ata o lugar tamén acudiron os axentes da Policía local e da Garda Civil de Tráfico co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.
Info- AXEGA 112
Foto-Concello de Brión