O alcalde convoca unha rolda de prensa nun hotel de Santiago de Compostela.O PP solicitou un pleno extraordinario no que propón a retirada do soldo do alcalde.
O alcalde do Val do Dubra, Antonio Negreira e a tenente de alcalde Celsa Oreiro comparecerán o vindeiro venres en Santiago de Compostela “para falar da situación na que se atopa a corporación despois de que o Partido Popular pretenda desestabilizar a este goberno de cambio impoñendo na práctica unha moción de censura encuberta, na liña do que xa procurou facer sen éxito ao inicio de lexislatura e do que se vén materializando en diferentes concellos do país, como aconteceu recentemente en Coristanco”.
O goberno local de Anova-Son Val do Dubra responde así a unha solicitude de pleno extraordinario presentada polo Partido Popular.Segundo poido saber Adiante Galicia, os populares critican a xestión do goberno nacionalista e propoñen a retirada do soldo do alcalde Antonio Negreira.
Pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular
O portavoz municipal do Partido Popular no Val do Dubra, Ramón Varela, confirmou a solicitude deste pleno ante a situación que vive concello. Queren pedir explicacións ao goberno local pola falta de pago a entidades e empresas, e pola perda de dous obradoiros de emprego e propoñen a retirada do soldo do alcalde “mentres non se resolva a situación”.