Concepción Mouro Rodríguez conserva unha memoria prodixiosa e segue tocando a pandeireta e as cunchas con mestría. Non foron poucos os músicos e investigadores que a visitaron na súa casa de San Salvador, no concello de Santa Comba.
Publicamos recentemente unha reportaxe sobre mulleres mineiras na actualidade. Concepción foi a primeira muller mineira de Varilongo:”Eu fun a primeira que empecei un día que estaba coas vacas.Viñeron uns homes da zona de Grixoa e de Cuns con martelos petando nas pedras buscando volframio. Eu tería 11 anos. Desde aquel día non volvín a escola. Non perdín un día de ir ó mineral”.
Lémbrase perfectamente daqueles días da procura do ouro negro na “Campaíña” ou no “Regueiro do Pión”. Aquel traballo era moi rendible:”O primeiro día fixen oito pesetas mentres un home ía cavar por unha ou dúas pesetas”.
Zona de minas e pousadas
Tamén ten na memoria as fuxidas nos días da roubeta:”Os carabineiros corrían que era un milagre”. Explica que nun tempo compatibilizouse a “roubeta” co traballo nos filóns “pero cando Parga Moure empezou” os homes xa se empregaban nas galerías e as mulleres nos lavadoiros:”Aínda que sempre quedaba algo de óleo”, comenta con retranca a nosa amiga de San Salvador. A picaresca sempre estivo presente.
“A mina de Varilongo foi unha riqueza para todos”
“Daquela todo o mundo ganaba un peso. E o que debía pagou.Nós compramos o primeiro arado de ferro que vén para San Salvador. A mina de Varilongo foi unha riqueza para todos. Antes aquí era todo pobreza”.
Non só pola actividade extractiva. Tamén por que as casas de San Salvador acolleron mineiros chegados de distintos puntos da xeografía galega:”As casas estaban cheas de xente, facían de pousada. Aloxamento e unha cunca de caldo por unhas pesetas”.
Concepción detalle como moitos veciños puideran mercar as propiedades que tiñan en concepto de renda e pagaban con trigo.
A tradición mineira de Varilongo e Santa Comba tamén quedou presente, e Concepción Mouro segue custodiando algunhas coplas:
“Fun a Mina de Varilongo,
por ganar un patacón,
a Mina de Varilongo,
foi a miña perdición”.
A Mina de Varilongo,
no filón da Campaíña,
Alí tomei eu amores.
Para toda a miña vida”.
Os lavaderos da mina,
teñen 25 escaleiras,
para subir e baixar todas,
as mozas solteiras”