Volve o programa “Galicia Bonita”. Escoita a entrevista con Rosa Facal a partir do minuto 29 deste audio.
O vindeiro luns 27 de xaneiro regresa “Galicia Bonita” ás pantallas da TVG. E tamén a arquitecta do programa, a xalleira Rosa Facal, contenta da experiencia:“A primeira tempada gustou moito e repetimos experiencia”.
Está moi agradecida polo afecto que recibe na súa terra, en Santa Comba, localidade que protagonizou un episodio o ano anterior:”O nivel de audiencia foi unha pasada e o programa gustoulle a todo o mundo” sinala.
Obras máis grandes en Galicia Bonita
“Nesta nova edición as obras cecais sexan un pouco máis grandes. E sempre temos problemas. Este inverno choviunos moito e pasámolo mal” adianta a profesional xalleira.
A esencia do programa é a loita contra o feísmo, e neste aspecto considera que “ a xente sí que se conciencia de ter as cousas máis recollidas e de darlle valor a parcela, porque o que rodea á casa é moi importante”.
“Ogallá que a xente queira seguir vivindo nas aldeas”
Precisamente, os recursos limitados cos que ten que traballar o equipo de “Galicia Bonita” en cada programa, serven para transmitir a mensaxe de que “con poucos cartos poden terse as cousas mellor”.
Rosa Facal aproveita para reivindicar a vida no rural:”Eu vivo e traballo en Santa Comba e a TVG atopoume aquí. Podes vivir no rural e ter moitas posibilidades. Temos que dar valor ao que temos. Ogallá que a xente queira seguir vivindo nas aldeas”.