Álvaro Rodríguez Núñez, é Doutor en Ciencias PolíticaS e avogado. É autor de varios ensaios e acaba de sacar do forno, un novo libro titulado “Galleguismo, Tradicionalismo y Segunda República(El pensamiento político del galleguismo conservador)” editado por Glyphos Publicaciones.
P-Porque te decidiches a realizar este traballo?
R-É un proceso político contemporáneo da nosa terra que me pareceu interesante sobre todo polo que pasou, onde as esquerdas galeguistas apoiaron á Fronte Popular e destacados dirixentes da dereita galeguista apoiaron a insurrección e o golpe de estado do xeneral Franco.
Quixen achegar un grao de area a un proceso histórico que está moi de actualidade pero tamén excesivamente politizado en canto á política actual.
P-Neste libro analizas o distanciamento entre o galeguismo conservador e a Fronte Popular, cales foron os motivos principais que provocaron esta ruptura e o achegamento dos conservadores aos golpistas?
R-Tres motivos basicamente. Primeiro, a política relixiosa. A cuestión católica era básica, tendo en conta que nin a igrexa nin os católicos de 1936 son os de hoxe.A Fronte Popular tiña unha política laica, e para o sector da Dereita Galeguista a defensa da ortodoxia católica era elemental.
Segundo. Estamos nunha sociedade moi violenta e nun estado de caos, con tiroteos, asasinatos e enfrontamentos entre as milicias dos diferentes bandos.
E o terceiro elemento é que hai unha gran radicalidade nos partidos da esquerda revolucionaria. O PSOE está dividido, existe un PSOE bolxevique dirixido por Largo Caballero, o Partido Comunista stalinista, e a todopoderosa C.N.T. anarquista.
A situación de caos e o medo a unha revolución e a unha reforma que leve a unha “descatolización” de España e de Galicia, fan que a dereita galeguista non apoie á Fronte Popular.
P- Entón como conviviron estas tendencias dentro do Partido Galeguista durante anos?
R-Conviviron esencialmente porque non se debatía de política de clases. Había un compromiso de evitar os temas peliagudos e de non atacarse. Estaban obrigados a ir en coalicións electorais para garantir o resultado.
A realidade obriga ao Partido Galeguista a ser pragmático e posibilista e ir na Fronte Popular, que tamén garantía o Estatuto de Autonomía. Os galeguistas de dereitas antepuxeron os seus intereses relixiosos, económicos e sociais a este pacto electoral.
P-Hai que ler este libro, pero se me permites imos a deternos un momento na figura dun persoeiro que ten un protagonismo fundamental. Cal é o papel de Vicente Risco nesta historia?
R-Vicente Risco está moi presente neste libro e incluso hai un estudo sobre el, sobre a súa personalidade, o seu pensamento e a súa obra.É unha persoa realmente excepcional, dunha talla intelectual máxima.
Era un home da súa época. Antimarxista, e tamén racial ou racista, pero estamos no 1936 onde había o apartheid en Estados Unidos, e os carnés raciais en Cuba. Hai elementos coma este no pensamento de Risco que chocan cunha mentalidade demócrata do século XXI. Tamén apoiou o golpe de estado e o alzamento. Pero Vicente Risco é un dos grandes teóricos e merece ser estudado.. Tamén ten unha grande calidade literaria.
P-A ver que opinas. Ti crees que senón chegara a haber Guerra Civil, aquela Dereita Galeguista podería botar raíces e converterse nunha especie de PNV?
R- É moi complexo saber isto.O que houbera pasado se a dereita galeguista se enfrontara a Franco. Se en Galicia non existe hoxe unha forza galeguista de dereitas ou de centro débese a grande habilidade de Fraga Iribarne de coptar a todos eses sectores.
Ese electorado existe e opta por votar maioritariamente ao Partido Popular. Por iso Feijóo non deixa de proclamarse galeguista. E tamén débese a unha incapacidade do nacionalismo galego que tería que facer esa labor de restruturación do espazo galeguista, porque habelo haino. A Guerra Civil queda moi lonxe neste senso.
P-Que pretendes con este libro, que reaccións agardas?
R-É un tema que me apaixoa, que me gosta. Poucos autores teñen escrito sobre o feito de que un sector da dereita galeguista lexitimara o golpe de estado de Franco.
E isto debe de estudarse para coñecer a evolución do galeguismo. Na historia de Galicia hai como unha hemiplexia. Tamén lembrar as raíces do galeguismo. Penso que é positivo debatir.Hai persoas que estamos cansas de escoitar o políticamente correcto e de que se nos oculte aquelo que non é tan correcto pero tamén é real.
ESCOITA AQUÍ A ENTREVISTA COMPLETA