6.9 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

Os nomes de lugar de Santa Comba

Resumo do traballo “A toponimia xalleira” de Rafael Lema.

Entre o ano 2000 e o 2007 levei a cabo un traballo de investigación da topónimo e dos primeiros habitantes da Terra de Xallas. Hai unha notoria onomástica e toponimia prerromana, das linguas ibéricas lusitanas, con aporte indoeuropeo, céltico. A presenza da toponimia sueva é alta nesta comarca. Xallas e Nemancos son dous territorios (nos tempos suevos un so) dos que teñen maior cantidade de topónimos xermánicos non so de Galicia senón de España. 

A liña mariña que vai de Bergantiños a Porto ten a mais alta concentración de topónimos xermánicos da Península. A Idade Media marcará profundamente a formación cultural e nacional galega e por suposto a conformación da Terra de Xallas como comarca (comisso, arcedianato, territorio singular as portas da costa e da mitra compostelán). 

Será unha etapa inestable na formación de nomes e apelidos. Podemos dicir que o actual sistema de nome máis apelidos familiares non se estabiliza ata a Idade Contemporánea. Así aparecen nomes para o territorio como Céltigos ou Xallas. No 934 os pais de san Rosendo teñen propiedades in Celtigos. Tamén da época é a voz in Zeltigos. O río Xallas aparece no 1286 como río d´Esar, onde se cita a ponte de Brandemir e o couto de Ialles d´Alcayaa.

En canto a toponimia, os nomes dos lugares, as palabras coas que os homes foron recoñecendo o medio físico onde vivían, é un importante patrimonio cultural. Xallas é rica en patrimonio toponímico; tanto o maior, referido ós núcleos de poboación, como os numerosos exemplos menores (montes, vales, ríos, fontes, pontes, penas, vaos). A dispersión da xente, a antigüidade de lugares (castros, mámoas), a orografía, a fragmentación da sociedade campesiña, son un bo caldo de cultivo para este legado, pero tamén un gran problema na interpretación do significado dos termos que moitas veces levamos na boca e que descoñecemos. ¿Non é unha grave eiva non saber o significado do lugar onde un nace?

Hai topónimos que fan referencia ó terreo (Picotos, Outeiro, Costa). Outros as augas (Xallas). Os que se refiren a formas de asentamento humano (Vilar, Castro, Vilariño, Vilarmaior, Vilaboa ). Os referidos a edificios singulares (A Torre, Hospital, A Ponte, Pombal, Casaduira). Os relativos a flora, os mais abondosos (Freixeiro, Castiñeira, Salgueiras, Figueiras,  Codesedo). Os que apuntan a fauna (Pombal, Cabral, Porqueira). As de fundacións relixiosas e nomes de santos (Grixoa,  Ermida,  Capela, Santa Comba, Santa Sabiña).

Os formados a partir de nomes persoais, algúns de posesores de terreos da época romana, outros bárbaros, entrando na Idade Media (Castriz, Guldriz, Esmorode, Estevez). Logo veñen topónimos referidos as vías de comunicación, a situación do lugar; topónimos derivados doutros, xentilicios, de etnia (Céltigos, Suevos). A toponimia de orixe prerromana é numerosa sobre todo na toponimia maior, nas vilas, lugares, comarcas, grandes ríos e ten a orixe nas linguas faladas antes da presenza dos invasores romanos. Dentro desta clase hai nomes indoeuropeos e preindoeuropeos. No primeiro grupo incluímos as de orixe celta, xermánica e o propio latín. A pegada celta é indubidable, así o confirman os datos de comparación con modernas linguas desta familia dos historiadores que tiñan a este territorio de Céltigos como marcadamente ocupado por grupos desta etnia, ou con vinculacións culturais.

Unha nomenclatura marcada polo latín pero coas achegas doutros pobos

Hai traballos que apuntan a fontes etnográficas, xenéticas, arqueolóxicas, lingüísticas, que dan fe da presenza de elementos claramente celtas nesta comarca: os célticos supertamaricos, emparentados cos veciños nerios e ártabros. Palabras espalladas pola nosa xeografía corresponden a esta colla (Laxe, Céltigos, Corna, Mallón, Bouza). Hai outro grupo precelta indoeuropeo; e outro, o máis remoto, vai ós primeiros e míticos poboadores desta terra, a eses mouros ou oestrimnios lendarios, con voces anteriores ó primeiro milenio antes de Cristo, como Coto, Gándara, Bar, Toxo. Con todo, cada nome é investigado particularmente, na procura da referencia mais antiga, non serve sempre a liña xeral. A regra non sempre acerta. E moito menos a falsa irmandade con voces semellantes, false friend.

O latín marca profundamente a nomenclatura, o galego é fillo do latín. Logo virá o capital achegado polos pobos xermánicos que chegaron sobre o século V (os suevos forman o seu reino en Galicia, están ben presentes no Xallas). Deixaron moita pegada estes pobos invasores na toponimia, principalmente na forma dos fundadores de vilas e granxas, nos donos de terreos. Podemos ver a presenza de formas árabes, procedentes de palabras de léxico común xa que non houbo asentamentos desa cultura na zona (Aldea, Laranxeiras). E creacións modernas, incluso de toponimia maior, de novos núcleos.

Na documentación antiga temos un documento do s. XV o Liber Tenencie Horro (LTH), sobre os valores pagados o cabido de Santiago, que recolle o nome de oito parroquias: Alón, Arantón, Fontecada, Pereira, Cícere, Mallón, Grixoa, Xallas. No 1159 temos o primeiro lugar documentado, Sancti Christofori de Celtigos (Mallón). No 1362 aparece Santa Comba de Celtegos do Couto de Jallas; e no 1286, Ialles d´Alcayaa (Castriz). Algúns dos pobos xalleiros aparecen na documentación medieval do mosteiro outés de Toxos Outos. E en arquivos eclesiásticos, de señorío. 

No apartado da onomástica persoal incorporo 29 nomes dos nosos primeiros veciños, de época prerromana. 28 de época romana, o que da idea dunha presenza apreciable nesta etapa, onde aparecen asemade nomes de colonos de afastadas provincias imperiais, relacionados coa minería xalleira e o seu comercio. 112 na Idade Media: 56 nomes romances documentados no termo do concello, con outros 23 na antiga xurisdición relacionados, e 33 antropónimos.

A presenza dos celtas nerios nesta bisbarra fai que fiquen nomes desta pola. Tamén foi importante a pola sueva na Alta Idade Media como o acreditan numerosas formas xermánicas na toponimia e onomástica. Así aos nomes recollidos nos papeis hai que engadir os antropónimos (Astranadus, de Esternande). No Xallas, na antiga treba ou territorio de Céltigos, falábase unha lingua antes do latín, do galego. Unha fala ibérica, con trazas indoeuropeas, pero tamén celtas -xa que aquí viviron pobos desta cultura e ata esta terra chegou a migración dunha tribo de orixe celtibero, os nerios-.

A vella treba, como a maior parte da organización nativa galaica, non foi mudada polos romanos, necesitados de valentes guerreiros do NO cos seus caudais, para as súas lexións; e chegou a Idade Media cos seus señores, cargos, e a súa aula de équites. A nosa Casa de Traba é unha mostra desta continuidade. Cos condes como señores xurisdicionais e donos do seu, da Trastámara; cos seus cabaleiros vinculados e arcedianos, arciprestes, villicus, meriños.

Así na fala e na toponimia ficaron rastros desta vella lingua prerromana. Asemade, a importancia da época sueva na historia de Galicia é un aspecto pouco considerado e temos no Xallas un exemplo da súa fortaleza. Á lista de nomes de persoas saídos dos documentos engadimos aqueles que deron lugar a moitos lugares xalleiros. Cos suevos viñan xentes doutros pobos xermánicos, e por iso na Gallaecia temos rastros de nomes orixinarios de pobos do este europeo. Seis parroquias de Santa Comba levan antropónimos de orixe xermánica. Son en total 33 lugares, e outros catro con dúbidas. É unha cifra altísima, que poucos concellos de Galicia poden achegar; e que, xunto a outros datos da investigación histórica reforzan a teoría dunha presenza importante de suevos nesta terra, ben da primeira época ou na etapa altomedieval como repoboadores mozárabes. 

Á lista onomástica romance engadimos pois outros destacados xalleiros, os 33 fundadores, nomes suevos que se agochan nas raizames de cada topónimo: 

Alón (Alionus), Arantón (Alantone), Bazar (Bazarius), Castriz (Iusterici-Gusterici), Esternande (Astranadus), Ser (Segelli). Albarín (Alvarus), Esmorode (Ermeretus), Arán (Ariani), Sabaceda (Sabacetus), Turnes (Turino), Boaña (Moania), Boimente (Bonimentius), Estévez (Stephanus), Sexto (Genestu), Buxán (Busianus), Rubín (Rubinus), Albarín (Alvarus), Vilartide (Titus), Pragais (Aparracus), Guisande (Wisandus), Randufe (Rendulfus), Guldriz (Gothus), Avuín (Auus, Auolini), Fafia (Fafila), Recarei (Recaredus), Escanade (Scanandus), Paía (Pappia), Agrís (Agricius), Armán (Armand), Truebe (Trebellius), Amarelle (Amarellus), Mourelle (Maurellus).

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos