Representantes do Partido Popular na comarca da Costa da Morte, encabezados polos seus candidatos ao Parlamento de Galicia, Rubén Lorenzo, Paula Mouzo, Jesús Picallo e Sandra Vilela, agradeceron hoxe o esforzo que a Xunta de Galicia realizará para cubrir as prazas de pediatria nos municipios de Carballo, Ponteceso, Vimianzo, Muxía, Dumbría e Fisterra.
O anuncio dos populares chega despois de que no día de onte o Servicio Galego de Saúde (SERGAS) fixera pública a relación de profesionais que foron seleccionadas no proceso para optar ás prazas sanitarias de difícil cobertura.
Eses profesionais, explican desde o Servizo Galego de Saúde, teñen agora dez días para elixir destino segundo a súa puntuación e comezarán a traballar no próximo mes de marzo. A convocatoria establece un procedemento que permite que, no caso de que non se incorporen ao servizo activo no destino adxudicado, o SERGAS poderá seleccionar a novos aspirantes para cubrir estas prazas.
Esta convocatoria de 60 prazas de pediatría de atención primaria, que inclúe as novas seis para a comarca, foi anunciada en febreiro de 2023 polo presidente Rueda e realizouse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada no Parlamento de Galicia co voto en contra de BNG e PSdeG.
Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición.
Desde o PP «actuamos con responsabilidade»
“Mentres os partidos de esquerdas deron completamente as costas aos veciños da nosa comaca e se adicaron neste asunto a montar barullos, manifestacións e manipulacións contra a Sanidade Pública, desde o PP actuamos con responsabilidade e puxémonos a traballar para tratar de buscar unha solución a un problema estrutural de carácter nacional, que é a falta de pediatras, e afortunadamente conseguimos o noso obxectivode mellorar os servicios que reciben os nosos veciños”, din os populares.
Critican o «cinismo» do BNG e do PSdeG
Neste sentido, dende o PP lamentan o “cinismo” co que se comportan tanto o BNG como o PSdeG, aos que acusaron de “tratar de dar leccións” cando, apuntaron, despois non teñen reparos a votar en contra de mocións e de propostas encamiñadas a mellorar a sanidade pública galega.
“Todos sabemos que o único obxectivo da esquerda é terminar co goberno de Alfonso Rueda. Pouco ou nada lles importan os veciños e son capaces de calquera cousa, xa os vimos co asunto dos ‘pellets’, para logralo aínda que eso sexa prexudicial para os galegos”, apuntan os populares, que concluíron subliñando a importancia de manter en Galicia un goberno “serio e estable” o próximo 18 de febreiro.
Nota de prensa do PP da Costa da Morte