A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Mazaricos no acto de presentación das persoas que encabezarán as candidaturas do BNG na comarca de Muros-Noia: María Lago (Muros), Anxo Núñez (Outes); Ricardo Suárez (Noia); Anxo Moledo (Lousame); Balbino González (Porto do Son) e Juan Blanco, actual alcalde de Mazaricos.
“Revalidaremos con máis forza o goberno de Mazaricos”
“Noraboa a todos e a todas, sei que ides a por todas nestas eleccións municipais, sei que non vós poñedes limites á hora de defender os vosos concellos e os intereses dos vosos veciños e veciñas, e sei que co voso esforzo o BNG vai obter un resultado histórico en Muros, Outes, Noia, Lousame, Porto do Son e que revalidaremos con máis forza o goberno de Mazaricos”,proclamou a líder nacionalista.
Pontón puxo en valor o traballo de Juan Blanco e a súa equipa:“O concello de Mazaricos marca a diferencia, porque puxo en marcha unha residencia da terceira idade e tres casas de atención ás persoas maiores. O BNG demostra desde os concellos que hai outra maneira de gobernar, a favor da xente”.
Mazaricos, un concello con iniciativa
Falou de diferentes aspectos, como a mobilidade e o transporte público:“Mentres o Goberno do PP na Xunta está cruzado de brazos, o BNG actúa, e aí está o goberno de Mazaricos tomando a iniciativa, cun transporte público á demanda para garantir a comunicación de toda a veciñanza co centro do concello”,
“Temos un sector leiteiro puxante e punteiro en Mazaricos, pero grazas ao bo facer do goberno do Bloque, este concello logrou tamén dar un gran salto adiante no sector turístico, aumentando a súa oferta de aloxamento, atraendo visitantes e actividade económica promocionando o seu patrimonio natural e a súa gastronomía local”, recalcou.
Orgullo de concello
Ana Pontón salientou que “Os gobernos municipais do BNG marcan a diferencia, son un exemplo de eficacia na xestión, de transformación en positivo, capaces de mellorar a vida dos veciños e das veciñas. Aí están todos os avances que vemos en Mazaricos e, sobre todo, quero destacar que eses avances fixeron que a veciñanza sinta orgullo do seu concello, orgullo de participar en comunidade, por iso ten un movemento asociativo tan intenso e participativo”.