A Xunta de Galicia propuxo aos doutores Ángel Carracedo e Sir Alec Jeffreys, como candidatos aos Premios Princesa de Asturias 2022, na categoría de investigación científica e técnica.
A Administración galega remarcou “os importantes descubrimentos acadados por ambos científicos no ámbito da xenética e a Medicina forense, uns avances que contribuíron á estandarización e implantación das probas de ADN forense a nivel mundial e que, a día de hoxe, seguen a axudar á xustiza a resolver un gran número de investigacións”.
En relación a Carracedo sinalan que “é a figura máis representativa da Medicina forense a nivel mundial, excedendo o ámbito da Xenética forense pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular”.
Apoio do pleno xalleiro
E sobre o ilustre xenetista, o concello de Santa Comba anunciou que aprobará no próximo pleno municipal o respaldo á solicitude cursada pola Xunta de Galicia que define ao doutor xalleiro como “a figura máis representativa da Medicina forense a nivel mundial”.
O Concello de Santa Comba entende “que a concesión do Premio Princesa de Asturias 2022 ao catedrático e investigador Ángel Carracedo está totalmente xustificada xa que este xalleiro universal acumula méritos dabondo pola súa sobrada valía demostrada alén das nosas fronteiras”.
FOTO-U.S.C.