O recén electo presidente do Partido Galego, Paco Villanueva, considera que “O Congreso marca un fito importante na historia do Partido Galego e vai a ter unha trascendencia para a sociedade a curto e medio prazo”.
Nunha entrevista “Na Encrucillada” de Radio Xallas, asegurou que o traballo centrarase na ampliación da base e da implantación do partido en Galicia.

“Moita xente non vota e moita vota ó menos malo”
“Estamos no inicio da transformación” dixo Villanueva convencido de que unha formación como esta “é necesaria para un desenvolvemento real”.
Sobre o viveiro de posibles votantes manifestou: “Os galeguistas están en toda a sociedade. Hai moita xente que non vota e moita que vota ó menos malo”.
Criticou ao Partido Popular como “culpable absoluto” de que “Galicia non teña todas as competencias que se recollen no Estatuto de Autonomía”.
O Partido Galego defínese como centrista, galeguista, demócrata, plural, aconfesional e humanista. E aposta por “un estado español confederal”.
Eleccións europeas: falando co PNV
O Presidente do Partido Galego declarou que de cara ás Eleccións Europeas “estamos falando profundamente co PNV” para poder concorrer en coalición, se ben hai outras posibilidades. Despois da celebración da cita congresual, Miguel Míguez foi escollido como secretario xeral.
