Axentes Ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería de Medio Rural, xunto co Grupo de Investigación da Unidade de Policía Autonómica (UPA) de Santiago de Compostela, veñen de esclarecer cinco incendios forestais no concello de Mazaricos.
A investigación levada a cabo polos axentes da UIFO, así como a declaración dunha testemuña, foron claves na detención do presunto autor dos lumes, quen no transcurso da declaración confesou que provocaba os incendios usando un chisqueiro e anacos dunha vela que deixaba na herba para conseguir afastarse mentres prendía o lume. Precisamente, na inspección ocular feita polos axentes ambientais atoparon o anaco da vela coa cal o presunto autor provocou o lume, claro indicio de intencionalidade.
A investigación iniciouse en 2021 cando no referido concello de Mazaricos se produciron tres incendios próximos entre si. Para esclarecer os feitos, foi clave a declaración dunha testemuña que viu o pasado día 2 de febreiro deste ano un coche estacionado nunha pista forestal. Este vehículo arrancou a gran velocidade, xusto no momento e no lugar que se iniciou un incendio, na parroquia de Chacín. Os axentes conseguiron localizar o vehículo e deter ao presunto autor dos lumes, que foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Muros pola Policía Autonómica.
En concreto, ao detido atribúenselle tres incendios na parroquia de Santa Baia de Chacín o pasado ano, un en marzo que afectou 0,3 hectáreas de monte raso, outro en maio que afectou 3,94 ha rasas e 0,5 ha arboradas e un último en xuño de 0,03 hectáreas rasas. Mentres, o pasado 2 de febreiro de 2022 rexistráronse dous incendios máis nos lugares de Vilariño de Chacín e Vioxo, na mesma parroquia. Afectaron respectivamente 0,27 e 0,19 hectáreas de monte raso, grazas á rápida intervención do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.
A Xunta destaca a importancia da colaboración cidadá para reforzar o traballo destes profesionais e, neste sentido, lembra que está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. A maiores, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
Info-Xunta de Galicia