Ponteceso segue dando que falar con situacións tan “curiosas” como que non se convoque un pleno solicitado pola oposición. Segundo confirman desde a oposición, xa se presentou un recurso de reposición “contra a decisión do alcalde de non convocar un pleno extraordinario solicitado en tempo e forma pola maioría da corporación, detallando claramente os asuntos a tratar”.
Desde a oposición plantexaron un pleno extraodinario para tratar sobre a situación do Servizo de Axuda no Fogar (“tras máis dun ano sen contrato en vigor”), a rebaixa do IBI, a posta en marcha dunha auditoría externa, a cesión de espazos para os concelleiros ou sobre Protección Civil.
«O alcalde de Ponteceso eliminou a democracia»
“A todas estas cuestións dinos o alcalde que non, que non se van debater en pleno porque el considera que non é o lugar adecuado para facelo.Definitivamente, o alcalde eliminou a democracia e a participación neste concello, a pesar de que goberna co apoio de só dous membros dunha corporación de 13 persoas” declara o portavoz do PP, Daniel García Cotelo.
Ante esta negativa “absurda e inexplicable” hai un recurso presentado: “Non podemos seguir así, e de novo pedimos a intervención do PSOE provincial e mesmo galego, porque son os únicos responsables do que está pasando aquí. Eles deben solucionar o problema que eles mesmos crearon”.
Daniel García percibe un panorama desolador:“Xa perdemos o POS deste ano, imos perder tamén o do ano que ven. Non nos vale que veña aquí o presidente da Deputación a prometer cartos cando o seu representante no Concello está a desfacer a vida dos veciños e a comprometer o futuro dos nosos fillos dunha maneira irresponsable”