O Concello de Muxía será condecorado como a localidade máis acolledora de España e a mellor valorada polo turistas nos premios Traveller Review Awards 2024, que organiza o buscador de viaxes Booking.com.
Estes galardóns, outorgados a nivel mundial desde o ano 2012, pretenden recoñecer o labor e a calidade dos servizos turísticos en base ás valoracións verificadas da súa comunidade de viaxeiros, procedentes de máis de 220 países e territorios. Esta edición contou coas recensións de máis de 309 millóns de usuarios e usuarias da plataforma.
O alcalde, Iago Toba, será o encargado de representar ao municipio muxián e recoller este recoñecemento para o turismo da vila, na gala que se celebrará o vindeiro 25 de abril en Gijón.
Esta distinción recoñece o labor das empresas e persoas que participan na cadea do turismo da nosa localidade, así como do Concello, no seu compromiso por ofrecer a mellor experiencia para que as persoas que visitan Muxía poidan descubrir a beleza, cultura e tradicións do municipio.
O rexedor sinalou que “este premio é unha confirmación do éxito da campaña Muxía Bonita, ademais dun recoñecemento do magnífico traballo realizado polos profesionais do turismo e a hostalería do noso municipio” e afirmou que “Muxía é un gran enclave turístico e paisaxístico e este recoñecemento pon en valor unha realidade coñecida por todos nós, contribuíndo a que cada vez máis persoas queiran achegarse a coñecernos”.
“Esta distinción internacional premia o traballo e o esforzo que se realiza desde o Concello para ofrecer a mellor experiencia posible ás persoas visitantes e será unha verdadeira honra poder recoller este premio en representación de todos os muxiáns e muxianas”, rematou.
FOTO IAGO TOBA CO MINISTRO DE TURISMO EN FITUR
Nota concello de Muxía