O auditorio do multiusos xalleiro acolleu o acto de apertura do obradoiro de emprego Proturismo 2017 promovido polos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría.
Ao acto asistiu o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, así como os alcaldes de Santa Comba e Mazaricos, María Pose e Juan Blanco, o tenente de alcalde de Dumbría, Raúl González e concelleiros da corporación de Santa Comba.
O obradoiro conta con vinte alumnos-traballadores que recibirán formación tanto teórica como práctica nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e de promoción turística local e información ao visitante.
Dentro da especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes están previstas 19 actuacións entre as que destacan a mellora de zonas verdes na Picota, en Pino de Val ou Cumbráns e na Ruta do Monte Aro, en Mazaricos; melloras nas áreas recreativas de Albarín, Vilar, o Freixeiro ou Castriz, en Santa Comba; ou a mellora e mantemento das áreas verdes situadas no Conco, en Olveira, ou no Ézaro, en Dumbría.
O alumnado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante ten encomendada a tarefa de promover os destinos turísticos locais colaborando na xestións dos servizos de información turística. Así, no municipio de Santa Comba, o obxectivo é deseñar un plan turístico local con especial atención ao turismo de restauración e o turismo de eventos deportivos traballando ademais na procura da colaboración entre o sector público e privado.
No caso de Mazaricos, o estudo daqueles produtos turísticos do concello que contén cun potencial de aproveitamento turístico ademais de organizar, preparar información turística dos eventos do Concello. En canto a Dumbría, colaborar coa técnico de turismo na organización de toda a información.
O obradoiro prolongarase ata o 28 de xuño de 2018 e conta cun investimento de 280.000 euros.O delegado territorial da Xunta fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral”. Ovidio Rodeiro engadiu que “non podemos esquecer ademais que grazas a estes obradoiros os beneficiarios accederán a un contrato laboral”.