No ano 2002 visitei os batáns de Oa en Trazo, os últimos en activo de Galicia. Fun co último bataneiro de España, Antonio Landeira, e co seu fillo Pepe no Land Rover do sobriño de Antonio por empinadas costas e revoltas en caída cara o río. Alí o vello Antonio deunos unha clase maxistral e única dun oficio desparecido e puden facerlle unha reportaxe histórica que hoxe recordamos. A súa sobriña amosoume unhas mantas de lá e liño mazadas naquel batán nos anos cincuenta.
Os batáns de Neiro en Trazo
Antonio Landeira Landeira naceu o 18 de marzo de 1917 na aldea de Oa, parroquia de Xavestre (Trazo). Comezou xunto coa súa familia como bataneiro no actual conxunto de batáns de Neiro.
Os mellores batáns de la e liño co que conta Galicia, xa documentados en 1750,propiedade da súa familia, no mesmo lugar no que naceu, compaxinando as tarefas de moer millo e trigo para panadeiros da Mahía e Bergantiños coa a produción de luz eléctrica para a zona. De feito foi Alfonso Molina, logo alcalde coruñés quen lle fixo o proxecto para facer cun muiño unha casa da luz.
Carbónicas Landeira
En 1942 e con 7.000 ptas fundou en Val do Dubra a súa primeira empresa, Gaseosas Landeira. A produción era manual e reducíase a venda dunha vintena de caixas de 24 unidades diarias, que eran transportadas polo empresario nun carro de cabalos, percorrendo asta 50km.
Sete anos despois, en 1949, foi a Santa Comba, onde a familia Ordóñez, que explotaba o barracón da mina de volframio de Varilongo, lle arrendou un baixo de 60 m2 no que atendeu a demanda de gasosas, oranges e sifón.
Sección Xalleiros con Rafael Lema – Desde o minuto 13– (Adicada a Antonio Landeira e a Pilar Rodríguez Blanco). Escoita aquí
A empresa pasou a chamarse Carbónicas Landeira e forneceu toda a comarca do Xallas coa marca «La Pitusa». A primeira gran modernización da empresa chegou cos envases retornables e a botella familiar dun litro que lle permitiu introducirse no mercado provincial ná década dos 60, nos 90 deu o salto nacional, chegando a Madrid, Cáceres ou Bilbao e ábrese paso no mercado luso onde causou furor, chegando mesmo ás colonias portuguesas en África.
Antonio Landeira Landeira estivo traballando día a día na súa fábrica ata o seu falecemento el 24 de xullo de 2.004 cando contaba con 87 anos, meses antes foi galardoado coa insignia de ouro da Asociación de empresarios locais e o Concello de Santa Comba concedeulle a primeira medalla de ouro ao Xalleiro do Ano que otorga a un veciño.