”Podemos dictar moitas normas para impoñer moitas multas e o que facemos é provocar a morte dos animais de maneira clandestina e os venenos. E iso é o que temos que evitar porque sería un verdadeiro desastre”.
Escoita o audio coa entrevista a partir do minuto 30
Xan García Pouso foi durante 18 anos e medio presidente da Sociedade de Cazadores de Vimianzo. E nunha longa entrevista en Radio Xallas reflexionou sobre a problemática do xabaril.
“Os montes están cheos de leña e os xabarís proliferan moitísimo. É un problema social pero non vexo políticas serias que aborden este tema” afirma García que opina que “hai moitos intereses creados arredor deste fenómeno e quen non ten nada que ver coa caza pero tamén se lucra disto”.
Entendemento entre tecores e administración con serenidade
Pensa que a solución pasa polo entendemento entre os tecores e a administración, afrontando o asunto “con serenidade e sen ocorrencias”. Xan García ten a sensación de que “están levando a voz cantante nos medios de comunicación, persoas que non teñen nada que ver coa práctica da caza”.
Entende que “a caza non é somentes un deporte, é unha actividade cinexética e económica” e que “non se pode falar do rural obviando as actividades cinexéticas”. Tamén considera que “a veces opinamos desde o interese partidario e non resolvermos o problema”.
“Temos que convivir co lobo e co xabaril”
O ex-presidente dos cazadores soneiráns está convencido de que “temos que convivir co lobo e co xabaril” aínda que pide “poñerse na pel dun gandeiro ou veciño ao que lle matan unha ovella ou unha vaca. A esa xente hai que sufragarlle esas perdas pero a saída tampouco é a exterminación do lobo”.
García Pouso insiste en que a administración ten que “ter en conta á xente experta e escoitar ao rural” e recalca que “os cazadores queren protexer e defender o medio ambiente”.
Os señoritos do asfalto
Ademais aludiu á clase política que denominou como “señoritos do asfalto”, que “lanzan proclamas en favor dos animais pero non teñen nin puñetera idea do que país que representan e que fan leis que logo nos machacan”.
Advierte que estas maneiras de actuar poden ser contraproducentes:”Podemos dictar moitas normas para impoñer moitas multas e o que facemos é provocar a morte dos animais de maneira clandestina e os venenos. E iso é o que temos que evitar porque sería un verdadeiro desastre”.