A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, afirma que en Galicia existe “un problema gravísimo” co monte “porque en xeral non lle da rendabilidade ás persoas”, o que xera un abandono que se converte en “combustible para os incendios”.
Escoita a entrevista en Radio Xallas a partir do minuto 60
Buscar valor engadido no monte
Para Vilalba hai que buscar un monte que xenere recursos económicos xa que “o modelo do eucalipto é para facer cortas a 15 ou 20 anos vista e se pode depender deses ingresos”. Hai opcións como “as plantacions de castiñeiros que son enormemente máis rendibles cas de eucalipto”.Tamén puxo o exemplo dos ingresos que están a producir en Francias as cerdeiras.
Entende que hai que optar “por actividades con maior valor engadido e con continuidade e deixarse de vender materia prima barata”.
A opción da biomasa
A dirixente agraria pensa que “non podemos pensar no monte coa idea que ten ENCE ou as fábricas de agrocarburantes”. Denuncia que ata o de agora “prevaleceu o interese das pasteiras” e “tentouse encamiñar á xente a plantar eucalipto, porque era o único que daba cartos, o que é unha grande mentira”.
Tampouco lle convence a opción da biomasa:”A biomasa é un modelo enerxético que está feito para que se pague moi pouco pola biomasa”. Esta convencido que “os modelos de producir materia prima para queimar é o mesmo o peor” que as plantacións de eucaliptos.
Insiste en que necesitamos “cultivos que dean moito rendemento para os terreos que temos”. Tamén fixo mención ao “cambio climático” que é unha realidade, e á necesidade de ordear o monte porque “hai propietarios que non saben onde teñen as súas parcelas”.
O Sindicato Labrego Galego participa na plataforma “Por un monte galego con futuro” que organiza unha manifestación o 20 de outubro, ás 12,00, na Alameda de Santiago de Compostela, e que coincide con distintas mobilizacións a nivel mundial contra o cambio climático.