A Asociación de Empresarios de Santa Comba iniciou o reparto de bolsas de papel e manteis individuais ecolóxicos entre os asociados dos sectores do comercio e a hostalería.
Nas bolsas aparece o seguinte lema:“Mercar en Santa Comba que bonito é, xente traballando e negocios en pé”. Nos manteis individuais reprodúcese un mapa do concello de Santa Comba onde se localizan castros, túmulos megalíticos, estelas funerarias, miliarios romanos, e os pazos que hai no concello.
Desde a asociación que preside Teresa Castro veñen de desenvolver un curso de informática e en colaboración coa Asociación Costavales, un roteiro de plantas silvestres comestibles medicinais.
Agora a patronal xalleira está traballando na organización da XI Ruta das Tapas que se celebrará en novembro. E no mesmo mes, os días 8, 9 e 10, o recinto feiral acolerá a II Feira de Outono (Asociación Costavales).