Un burro que morre diante da súa dona e resucita despois dunhas palabras nun latín enxebre, pronunciado por un cura.
Ármase a festa. Bailan as mulleres disfrazadas de homes e os homes caracterizados de mulleres. Gaiteiros e pandereteiras amenizan a festa rachada. É o tradicional “Entruido do burro” que se vivía en varias parroquias de Santa Comba que pretende recuperar a asociación Axio Mouro coa colaboración de voluntarios.
“A idea é que a xente o vexa e recorde e que os novos entendan como se corría un entroido” contaba Jorge Castelo en Radio Xallas.
Castelo Mourelle explicaba que este “Entruido do Burro” é “peculiar” precisamente porque “o burro morre e resucita”.
Entrevista a Jorge Castelo. A partir do minuto 60
Unha tradición estendida fai décadas polas parroquias de Grixoa de Esternande, Castriz, San Salvador, Bazar, posiblemente Santa Sabiña e no sur do concello de Coristanco.
“Queremos que sexa o máis fiel posible” sinala. Serán dous días de Entroido por distintos lugares da xeografía xalleira, e coa intención de seguir investigando e recuperando tradicións doutras celebracións que se desenvolvían por outras parroquias do concello.
Percorrido do Entruido do Burro
O sábado o “Entruido do Burro” percorrerá San Salvador(10,00), Grixoa de Esternande(12,00), Outeiro de Castriz(15,30), Boaña de Abaixo(18,00) e Boaña de Arriba(18,30).
E o domingo 11 de febreiro a comitiva arrancará a súa ruta en Padreiro(10,00) para seguir por Castriz( 12,00 ) Xallas (16,00), Estévez(17,00), Frieiro (18,00), Boimente(19,00) e Bar Cruce de Traba(19:45).
Antes o venres, desde as 18,00 percorrerán as rúas de Santa Comba “ cos máis pequenos da Asociación” como se fixo noutros anos.