Volve a Festa da Carballeira de Zas despois do parón obrigado. E xa hai novidades. Por un lado as datas que serán o 12 e o 13 de agosto, pasando da primeira fin de semana de agosto á segunda.
E tamén xa hai dous grupos confirmados. Os Heredeiros da Crus encherán de rock o recinto natural da Carballeira de Zas, actuando o venres 12 de agosto.
E o sábado 13, desde Escocia chegarán Rura, que xa saben o que é participar nos festivais máis importantes do mundo.
Haberá máis bandas que se irán dando a coñecer nas redes sociais. Xa está aberta a venda de entradas cunha oferta especial de bonos para os dous días a un prezo de 12€+gastos de xestión, para as 100 primeiras entradas.
Pódense atopar na páxina oficial da festa, no seguinte en https://www.festadacarballeira.com/entradas-es/ e tamén se poderán mercar a través da plataforma Ticketrona, https://entradas.ticketrona.com/events/festival-a-carballeira-de-zas e das propias redes sociais da festa: Facebook e Instagram.
O prezo regular será unha vez esgotadas as 100 primeiras será de: bono de día individual 8€+gastos de xestión e o bono para os dous días pasará a ser de 15€+gastos de xestión. A venda online de entradas estará aberta ata o día 12 de agosto as 15h, a partir de este momento as entradas poderanse comprar en taquilla, onde os prezos serán de 12€ entrada para un so día, ou 20€ bono para os dous días.
A Carballeira solidaria
Un ano máis, desde a organización da carballeira vaise facer unha doazón de 1€ da venta de cada bono para a Asociación Aspaber, Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños. Un xesto co que a Carballeira apoia e recoñece o labor desenvolto por esta Asociación, e tamén se lle quere dar visibilidade a mesma. Aspaber leva ofrecendo servizos de axuda na zona de Bergantiños dende o ano 1976 tendo como misión principal contribuir a que as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias dispoñan dos apoios necesarios para poder desenvolver o seu proxecto de vida e lograr a súa inclusión como cidadáns.
Zona de acampada gratuíta
Como é habitual e como se leva facendo en anteriores edicións, todos aqueles asistentes que queiran acampar en Zas durante os días da festa, contarán con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical). Tamén terán baños e duchas.
Evento familiar
Como todos os anos a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o desfrute de maiores y pequenos, contando con unha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e outras actividades para todos os públicos principalmente para os máis cativos e os maiores da casa. Este ano a sesión vermú cobrará máis forza ca nunca con artistas de recoñecido prestixio.
FOTO HEREDEIROS DA CRUS – EMI MARTÍNEZ