14 C
Santa Comba
domingo, septiembre 29, 2024

Un conto porteño de Nadal. Cando a carreta de Santa Lucía caeu no Penedo

Rafael Lema – 

Pola Ruta dos Muíños da Ponte do Porto, no Penedo, ao pouco de pasar a casa do barbeiro, encontramos a Poza do Encanto. Canles, presas de aceña, unha insua pedreira amansan este lugar do río do Porto próximo a recibir o embalo do sal das mareas da ría, acordadas pola lúa. Nesta poza, onde cantan as nocturnas lavandeiras, habita un ser terrible que afoga a xente. Sobre todo nas datas sinaladas dos solsticios.

O día de Santa Lucía marca o mes do remate do ano. Santa Lucía saca da noite e mete no día. Os días medran agora o paso dunha galiña. Antes do cambio ao calendario gregoriano coincidía a festa co solsticio de inverno, cando o sol deixa de andar durante tres días ata que de novo na Noiteboa volve ao seu estrelado rumbo. Nos tempos de antes esta parada supoñía un periodo de medo, incertidume, que remataba coa algarada pola volta do sol, a festa da vida nova.

Nun carro de estrelas o sol navega polo ceo. No inverno, o popular carro ou setestrelo, asterismo máis visible da constelación da Osa Maior que vai virando de posición ao longo do ano, aparece co cabezallo cara abaixo. En Irlanda din que vai tirado por dous cans irmáns e guiado por unha vella, a mesma que en Galicia debuxa o seu arco no firmamento despois da chuvia. ¿Que relación teñen o carro, o solsticio, santa Lucía coa Poza do Encanto? Atendede.

Contáronme os vellos que ao setestrelo tamén lle chaman a Carreta de Santa Lucía. No seu día a santa pasa por enriba do Penedo guiando esta zorra tirada por bois, pero perde unha roda (ou rompe o eixo) e cae na Poza do Encanto. O carro fica preso agora nas augas do demo negro. Neste tempo de desolación a xente deixa agasallos ao encanto (tabaco, caña, castañas) nas beiras do río para que arranxe a carreta e a devolva ao ceo. O conto é que así sucede, o encanto colócalle unha roda de muiño e aos tres días o carro abrolla das augas para volver a ao camiño das estrelas levando un sol novo e renacido. ¿Atendeu o encanto temible os laios dos veciños? Penso (algo me contaron, igual o conto outro día) que algo tivo que ver o poder de convicción de santa Lucía. Pode que a cambio de arranxarlle a roda a santa curou ao terrible ser acuático da súa cegueira. A madeira da roda vella foi o primeiro «rachón de nadal» que ardeu na Noiteboa, ese tizón que deixa unhas cinzas protectoras da casa todo o ano.

Santa Lucía é honrada con festa de seu e estropicio de pólvora na parroquia anexa de Carantoña; na víspera, na Ponte do Porto celebran a súa co-patroa, a Guadalupe. Non é para menos.  

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,310SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos