AXEGA 112-
Unha persoa necesitou a axuda dos servizos de emerxencia na tarde de hoxe despois de producirse unha colisión múltiple no lugar de San Xusto, no concello coruñés de Lousame.Por mor do impacto, un dos ocupantes quedou atrapado no interior dun dos coches implicados, polo que foi necesario empregar o material de excarceración para liberala.
En total, foron tres os turismos implicados neste sinistro, que tivo lugar ás 13:15 horas de hoxe. O 112 Galicia recibiu a alerta a través do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que chamou para informar do desprazamento dunha das súas ambulancias ata o lugar do accidente. Ademais, outro particular contactou co 112 para informar do mesmo e sinalar que os vehículos non entorpecían a circulación.
Deste xeito, desde o 112 Galicia, avisouse aos Bombeiros de Boiro e aos membros do GES de Noia para liberar á persoa e facilitar a súa atención por parte dos profesionais sanitarios. De feito, a persoa foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.
Para prestar apoio aos equipos de intervención, desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.