O vindeiro 7 de agosto, o Concello de Mazaricos organiza a primeira edición do Festifolk, unha feira de artesanía e pequeno comercio que porá en valor os produtos de proximidade e ofrecerá a toda a veciñanza e visitantes un día de lecer no recinto feiral. A celebración evocará o mundo rural tradicional, tanto na decoración como na temática.
O Festifolk incluirá, ademais dun concerto do grupo Tanxugueiras, unha exposición e venda de comercio local e artesanía, obradoiros e demostracións de artesanía e de música tradicional. Para os máis pequenos, haberá inchables no exterior do recinto con monitores. Entre as persoas que compren na feira sortearase, a través dun sistema de rifas, tres cestas con produtos por un valor total de 100 euros cada unha delas. Daranse a coñecer os números no mesmo día da feira por diversos medios.
A feira contará con postos de venda, demostración e obradoiros de artesania. Para o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Jorge Sanmartín Rial, este evento é unha oportunidade para que o comercio local e os artesáns de Mazaricos e a súa contorna dean a coñecer o seu produto, nun ambiente que traerá grandes lembranzas para as persoas participantes.
Estas imaxes de Adiante TV son do recente concerto en Santa Comba.