//Xosé Manuel Lema//
O vindeiro luns 7 de decembro sae á venda o agardado DVD de Nao “Adeus e Grazas”. Un DVD que recolle o seu último concerto de máis de tres horas en Amio, e que tamén inclúe pezas documentais.
Un ano despois, ao vocalista da banda Jasper aquel concerto faille “revivir moitos momentos que che veñen á mente. Alí respirouse unha enerxía como nunca vivíramos. Houbo moitos momentos máxicos”.
Entrevista a Jasper Nao – Desde o minuto 59
Recoñece que aínda “hai moita xente que segue sen comprender porque o deixamos”. Non lle importa volver a explicalo:”Decididimos que Nao tiña un custe nas nosa nosas vidas enorme e non queríamos que fora eterno”.
Porque a cousa non lles podía ir mellor:”Chegamos a vivir da música. Queríamos chegar ao máis alto e parar, rachar con esa premisa do capitalismo de que hai que ter éxito”.
Para Pablo Carracedo é moi importante este tema:”Agora un neno quere ser youtuber ou instagramer, quere trascendencia social”. Pero el defende outra visión das cousas.”En tempos de likes valórase a coherencia e a autenticidade”.
A arte e o compromiso social teñen que ir xuntas. Música para “mellorar a realidade”, denunciar inxustizas e achegar “reflexións indispensables”. Cancións con mensaxe:”Utilizarmos esta plataforma para que xente se sinta orgullosa do propio, do seu país, da súa lingua”.
Nao ten unha lexión de seguidores. Persoas que reservaron o DVD e agardaron durante un ano por este traballo. Homes e mulleres que seguían a Nao polos distintos territorios por onde descargaban a súa música. Pero non enganaron a ninguén. Era a crónica dunha morte anunciada durante anos, dun grupo que segue vivo na memoria colectiva. E moitos aínda ven posible unha resurrección. Jasper non lle pecha portas a un regreso no futuro. Pero esa e outra historia. Polo de agora “Adeus e grazas”.
Fotos-Salva Moreira