.Mazaricos volve celebrar o Nadal cun completo programa de actividades para o conxunto da veciñanza. Os eventos deron comezo co festival de Nadal da Escola de Música Moderna de Mazaricos, que tivo lugar o día 8, e a representación teatral «Top Manta» o pasado día 11. A programación prosegue o vindeiro venres, 23 de decembro, co espectáculo circense CRUNCH!, un show espectacular que inclúe equilibristas, malabaristas, saltos mortais, golpes, caídas e moitas gargalladas, a cargo de Óscar Paez e Dani Blanco, da compañía Muu. Será no recinto feiral da Picota dende as 17h.
O xoves 29 de decembro, as nenas e nenos de Mazaricos poderán desfrutar dunha estupenda tarde de inchables no recinto feiral, a partir das 16h. Non faltarán sorpresas, como a visita do Apalpador.
O sábado 31 de decembro Mazaricos celebra a V Carreira do Leite e VI Brinde Leiteiro. A inscrición en calquera das catro categorías da carreira pode facerse online ata o vindeiro día 27. A recollida de dorsais poderá facerse o propio día 31 dende as 10h da mañá na Casa de Cultura. A saída da categoría Xatiños (nenas e nenos nados de 2015 a 2018) será ás 11h, seguida ás 11:15h por Becerros (nenas e nenos nados entre 2012 e 2014). A terceira categoría, Xovencas (2007 a 2011) sairá ás 11:30h. Ás 11:45h será a saída da categoría Vacas (persoas nadas antes do ano 2007).
Ao remate da carreira, aproximadamente dende as 12h, procederase a unha nova edición do Brinde Leiteiro, o evento con que Mazaricos se reivindica, cada final de ano, como o corazón lácteo de Galicia.
Ao día seguinte, domingo 1 de xaneiro, un novo ano arrinca en Mazaricos co tradicional Concerto de Aninovo, a cargo da Coral Polifónica de Urdilde. Será na Casa de Cultura ás 18h, e a continuación as persoas asistentes compartiran unha estupenda chocolatada con churros. Ás 19:30h celebrarase o Baile das Persoas Maiores, con música a cargo do Dúo Élite.
O xoves 5 de xaneiro celebrarase unha nova edición da Tractorada de Reis, que partirá ás 17h do recinto feiral. As súas maxestades volveran visitar Mazaricos para traer agasallos e ilusión a nenas e nenos nun vistoso percorrido pola localidade.
Conciliación
Un ano máis, o Concello habilita durante as vacacións de Nadal un servizo de Nadal Lúdico orientado á conciliación das familias. Dirixido a nenas e nenos escolarizados en Mazaricos, o Nadal Lúdico celebrarase, con grupos de polo menos 8 nenas e nenos, no CEIP Víctor Sáenz, no Local Social de Eirón e mais no antigo CEIP de Pino de Val.
O Nadal Lúdico celebrarase os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, así como do 2 ao 5 de xaneiro, ambos incluídos. O horario será de 9h a 14:30h. Pode solicitarse máis información ou levar a cabo a inscrición nos Servizos Sociais do Concello (981 86 71 04).