Publicamos esta nota remitida desde o PSdeG de Vimianzo, en relación co pasamento de Ana Isabel Regueira. Aproveitamos para trasladar as nosas condolencias.
Unha muller loitadora onde as haxa
PSdeG Vimianzo
B.Brecht decía que quen loita toda unha vida, esas son as persoas imprescindibles, e é así como desperta hoxe Vimianzo, sen unha muller das imprescindibles.
As/os que tivemos a sorte de coñecerte, sabemos a muller tan loitadora que sempre fuches, o moito que te preocupabas por todas as persoas que te rodeaban, polas veciñas e veciños e o que querías ao teu pobo, Vimianzo, cariño que te levou a tomar a decisión de acompañarnos aos socialistas na candidatura para as eleccións do ano 2015.
Xa por aquel entón te definías por ser unha muller cunha fortaleza insuperable e así te
presentábamos a todas e todos as/os veciñas/os de Vimianzo, como ti eres, “Ana Isabel
Regueira, unha moza sociable, traballadora, soñadora e cun gran poder de superación cando a vida se torce”.
Sempre sacaches forzas de ata debaixo das pedras para calquera inconvinte que se presentaba, e coa enfermidade non foi doutra maneira, enfrontácheste a ela facendo honra a esas palabras de fai sete anos, “[…] cun gran poder de superación cando a vida se torce”. E Vaia se o tiveches!
Loitaches ata o último momento e sempre cun sorriso, incluso nos días máis difíciles. Iso é co que nos quedamos de ti, co teu sorriso e co teu ánimo que nunca perdeches.
A pesar de que hoxe, Salto, parroquia que te viu nacer, e todo o pobo de Vimianzo quedamos tristes pola túa marcha, xa que quedamos sen unha gran compañeira socialista, sen unha extraordinaria persoa, sen unha veciña xenerosa, e moitos de nos sen unha gran amiga; preferimos pensar no que gañamos por coñecerche e por terte nas nosas vidas.
Sempre estarás nos nosos corazóns e por iso non che imos dicir adeús, só ata pronto compañeira, ata pronto veciña, ata pronto amiga.
“Que a terra che sexa leve, compañeira”
Aproveitamos para, dende o Partido Socialista de Vimianzo, mandar todo o noso apoio e cariño á familia nestes momentos tan difíciles