A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou este sábado en Vimianzo que a Costa da Morte será unha das zonas estratéxicas onde se asentarán os 12 polos de emprendemento no rural, que a Xunta impulsará para dinamizar o emprego local a través de fórmulas de microemprendemento autónomo e de economía social innovadoras.
Segundo explican desde a Xunta “Os polos de emprendemento no rural forman parte dos orzamentos de Emprego e Igualdade para 2022, que suman un total de 380M€, un 9,2% máis que en 2021, para impulsar un mercado laboral máis profesionalizado, produtivo e colaborativo e unha Galicia máis igualitaria”.
Lorenzana participou no encontro celebrado na capital da Terra de Soneira polo Business Network International (BNI) ACO Dolmen Costa da Morte -un grupo formado por 109 autónomos e empresarios da comarca-, Lorenzana explicou que os polos de emprendemento tamén buscan asentar poboación no rural, afrontando o reto que supón o envellecemento.
A conselleira expuxo que esta iniciativa forma parte dos orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade para 2022, que suman un total de 380 millóns de euros, un 9,2% máis que en 2021, para impulsar “unha Galicia máis igualitaria, competitiva, transformadora e vangardista” e un mercado laboral “máis profesionalizado, produtivo e colaborativo”.
Lorenzana puxo en valor a área destinada á formación para o emprego, que crece nun 50%, cun total de 184 millóns de euros, para poñer en marcha novas iniciativas como a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que comezará a súa andadura o próximo 9 de novembro grazas a un “gran pacto social”. O obxectivo desta planificación é coñecer as necesidades da man de obra do sector produtivo empresarial galego para proporcionarlle unha formación axeitada que revierta nunha mellora da competitividade empresarial.