O BNG presenta iniciativas no Congreso// O concello da Baña retira os depósitos de Abanca e o de Camariñas fai o mesmo co Banco Sabadell//
O peche de oficinas bancarias na zona seguen provocando reaccións. Fai uns días era o concello de Vimianzo o que decidía retirar os fondos depositados en Abanca en protesta polo peche da sucursal de Baíñas.Hoxe é o concello da Baña o que facía o mesmo polo peche da entidade que estaba ubicada en San Vicenzo.
Retirada de fondos do Sabadell en Camariñas
E tamén Camariñas. Ante o inminente peche da oficina do Banco Sabadell, a alcaldesa do Concello de Camariñas, Sandra Insua, deu hoxe a orde de retirar os fondos do Concello da conta corrente do banco Sabadell.
Insua denunciou que «os atentados contra o noso rural non son exclusivos dunha entidade, e que non podemos seguir tendo os cartos de todas e todos en entidades que non respetan a vontade popular».
E tamén neste día, o deputado do BNG, Néstor Rego, presentaba varias iniciativas na cámara baixa “para que o Goberno do Estado estabeleza unha nova regulación no sector bancario que poña fin ao proceso de concentración bancaria e ao fechamento de oficinas no rural”.Acompañou a Rego, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín.
Néstor Rego lembrou que nos últimos cinco anos pecharon “máis de 100 oficinas bancarias na Galiza, particularmente en concellos rurais”. Muíño denunciou a ausencia de resposta do goberno da Xunta:“Para o Goberno galego parece que non é un problema, mais o que se está facendo é excluír duns servizos imprescindíbeis unha porcentaxe elevada de poboación”.