A moción do BNG en apoio ás demandas da ANPA “Arco da Vella” de Sardiñeiro foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE. Os concelleiros populares faltaron por segunda vez ao pleno. Unha postura criticada desde as redes sociais polo voceiro nacionalista e tenente de alcalde, Xoán Carlos Sar:”Nun pleno no que importante era estar pra apoiar as nais e pais do colexio de Areouta ante a decisión da Xunta de Feijoo e do seu PP, e o PP de Fisterra decide non asistir agochándose en escusas ( e con cobardía non dar a cara das decisións dos seus diante da ANPA) “.
Na mesma rede social, Sar opina que “Alguén pode e non quere parar a escabechina no colexio Areouta de Sardiñeiro.É doado, levantar o teléfono e facer que cambie a situación do mesmo xeito que aconteceu no CEIP de Caión.Non se trata de unha decisión técnica, se non que se trata de unha decisión política”.
O PP afirma que apoia a comunidade escolar do Areouta
Desde o PP expresan o seu apoio á comunidade escolar de Sardiñeiro xa que entenden que “non é a solución máis axeitada” a que adoptou a Xunta. Aínda que tamén consideran que “non deben ser vos concelleiros do BNG quen defendan a seguridade contra a covid na ensinanza, pois levan máis dun ano sen repoñer a praza de bedel non colexio Mar de Fora, cando máis falta fixo”.
Sobre a nova ausencia a un pleno da corporación, os populares explican que se trata dun acto en sinal de protesta, xa que levan desde novembro de 2020 sen recibir as actas da xunta de goberno, que se celebran cada 15 días.
Sinalan que presentaron varios escritos no consistorio e que trasladarán esta “burla á democracia” á oficina do Valedor do Pobo. Indican que estas actas son importantes para poder realizar o seu labor como oposición.