Informa AXEGA 112-
Unha persoa perdeu a vida e outra resultou ferida debido a un choque entre dous turismos en Mazaricos.Como consecuencia do impacto, a vítima mortal quedou atrapada no interior do vehículo, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Santa Comba.
O sinistro produciuse á 01:30 horas desta madrugada, tal e como indicou unha persoa particular que contactou co 112 Galicia para dar conta dun grave accidente na estrada que une as localidades de San Fins e Cuiña, ao seu paso polo lugar de Eirón. No seu relato, detallou que os ocupantes de ambos vehículos estaban feridos e necesitaban asistencia sanitaria. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisaron aos Bombeiros de Santa Comba e aos membros do GES de Muros para excarcerar á persoa que xa estaba falecida.
Pola súa banda, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 evacuaron ao ocupante do outro vehículo implicado que, pese a estar liberado e accesible, resultou ferido tras o impacto.
Os servizos de emerxencias contaron ademais co apoio dos axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade.