I Xuntanza de Maquinaria Agrícola (XUMAGRA) na Picota en Mazaricos.
O concello de Mazaricos e a asociación de Gandeiros organizan a I Xuntanza de Maquinaria Agrícola (XUMAGRA) que se celebrará a vindeira fin de semana (8 e 9 de xullo) no multiusos da Picota, en horario de 10 da mañá a 10 da noite.
Participarán medio cento de expositores, cunha importante representación de empresas de servizos da zona que exporán os produtos das marcas máis punteiras do sector agrícola, forestal e de xardín. Tamén haberá unha exposición de vehículos de ocasión, actividades para nenos e pulpo a prezos populares.
“Un xeito de complementar a Semana Gandeira”
“Xumagra é un xeito de complementar a Semana Gandeira.Ambas actividades van destinadas a promocionar un sector tan fundamental para a riqueza e o emprego na nosa contorna” sinalou o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco.
Pola súa banda o presidente da Asociación de Gandeiros de Mazaricos, Óscar Blanco cre que este tipo de convocatorias “dinamizan o tecido asociativo e ofertan posibilidades e novidades ás persoas que se dedican á gandeiría e á agricultura e a quen se beneficia secundariamente delas. É lóxico que un concello coas características do de Mazaricos bote a andar esta convocatoria”.