Investimento de 418.000 euros
O alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela Ferreiro, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez asinaron un convenio que permitirá crear unha zona de tránsito para os peóns entre os puntos quilométricos 17+160 e 18+620, no lugar de Paramos.
Este treito pertence á estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba. O proxecto contará cun orzamento de 418.000 euros. A Xunta aportará o 70% e o concello o 30%.
O proxecto inclúe demolicións e movementos de terras para explanación de sendas de 1,8 metros de anchura -medida que se reduce en zonas de vivendas e peches de parcelas- de formigón colorado; canalizacións de pluviais e da rede de alimentación de alumeado público; a reposición do firme na zona da gasolineira e traslado de postes de electricidade, iluminación pública e telefonía.
A obra levarase a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.