14.8 C
Santa Comba
martes, marzo 21, 2023

O doutor Quintanilla e a milagrosa cura do tifo na Costa da Morte nos anos da fame

Rafael Lema//

Os novos positivos de tuberculose en Camariñas fan pensar nos estragos dos andazos noutras épocas, recordadas aínda polos nosos pais. Nos anos da fame, tuberculosos, varíola e tifo causou moitas mortes na comarca, tamén a gripe do 1918 (moi virulenta na Ponte do Porto) o o cólera a finais do século XIX no distrito de Corcubión. Imos lembrar un caso menos coñecido, o dun tipo mortal de tifo que afectou á Costa da Morte tras a Segunda Guerra Mundial e onde o labor dun gran médico ferrolán e a intervención divina evitaron o enterramento de moitos veciños.

O finado doutor, político e galeguista Jaime Quintanilla Ulla foi un dos homes mais implicados na loita contra unha peste que afectou a moitas das nosas aldeas tras a fin da Segunda Guerra Mundial. Especialmente afectados foron os concellos de Fisterra, Malpica e Corcubión, no último gran andazo sufrido pola comarca e onde o doutor Quintanilla foi o encargado do control e tratamento dos casos na Costa da Morte.

Os tres concellos sufriron tras 1945 unha epidemia de «tifus exantemático«. 80 casos foron postos a tratamento polo profesor Fernández Cruz, que encargou o control a Quintanilla. Eran 51 homes e 25 mulleres de entre 14 e 73 anos. Foron internados nun pavillón anexo ao hospital xeral de Santiago. A Deputación Provincial da Coruña aportou sabas, toallas, louza, cubertos. O Concello de Santiago dou xabón, lixivia e outros utensilios de limpeza.

Este tipo de tifo que causou moitas mortes no século pasado no noso pais e en Europa pousaba na cama aos doentes, que tiñan tamén unha manchas vermellas polo corpo, as exantemas. Está producido polo virus rickettsia prowazeki, que matou aos seus descubridores, os virólogos Ricketts e Priwazek, mentres o estudaban.

Algo que da fe da gravidade dos feitos que imos relatar. A enfermidade transmítese polo piollo da roupa, que prolifera en tempos de fame, como eran estes anos na comarca, tras as guerras. Europa sufriu moito a difusión tras 1943, sobre todo pola gran mortandade en Nápoles, Hamburgo, Varsovia ou Minsk. Os soldados levárono a EEUU, e en varias das súas cidades naceron importantes focos. Contra o piollo foi descuberto o DDT polo suízo Muller, premio Nobel no 1948. En España correu a voz da súa difusión por un inexistente piollo verde, que quedou na lenda popular. En fases de andazo ten unha mortandade media do 30 por cen. O tratamento é cun ácido paraminobenzoico, o paba. Precísanse de 10 a 20 gr. diarios e pola repercusión mundial dos casos, escaseaba.

Como o paba dispoñible nun tempo de boicot ao réxime e falta de abastacementos de todo tipo, por suposto de medicinas, usouse o pouco que había para os máis febrís ou con gran exatema, un total de 44. Para aos outros o doutor intentouno con piramidón, extractos hepáticos, coramina, simpatol ou sueroterapia. Nestas duras condicións e ante a falta material de todo tipo os galenos lograron que non houbese ningún caso mortal.

Para moitos foi todo un milagre no que deberon interceder os santos patróns das tres vilas e a virxe, que recibiron moitas rogativas nos seus templos, algo que incluso foi mencionado por un home non dado a estas citas metafísicas como o doutor Quintanilla, a quen coñecín en Ferrol na casa dos meus tíos. Nun artigo no 1992 recordaba o heroe deste pouco coñecido caso, e merecedor desta pequena homenaxe, que o bo suceso, «no deja de ser, con los pocos medios disponibles, una agradable casualidad no atribuible a la medicina».

Fotos.- Xaime Quintanilla recibidno o bastón de mando. http://deferrolparaelmundo.blogspot.com

Pódeche interesar

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Introduce o teu comentario.
Insira aquí o teu nome
Captcha verification failed!
A puntuación do usuario captcha fallou. póñase en contacto connosco!
Concello de Val do Dubra
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansGóstame
1,661SeguidoresSeguir
1,839SeguidoresSeguir
1,080SuscriptoresSuscríbete

Últimos artigos