Dúas persoas resultaron feridas a pasada noite na Laracha despois de que unha árbore caese, a causa do forte vento, sobre o coche no que circulaban. Segundo puido saber o 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Carballo, ao quedar atrapada no interior do turismo accidentado, no que viaxaban un total de tres ocupantes.
O sinistro ocorreu na estrada a Monteagudo, ao fío das 22:30 horas. Nese momento, o 061-Urxencias Sanitarias contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.
Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso aos Bombeiros de Carballo, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.Unha vez no lugar do sinistro, os efectivos sanitarios trasladaron ás dúas persoas feridas a un centro hospitalario.