12.9 C
Santa Comba
lunes, noviembre 11, 2024

O obradoiro A Laracha-Arteixo inicia a súa andaina

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego III comezará a desenvolverse mañá despois de realizarse este mediodía o acto de presentación oficial deste programa que se leva a cabo na procura de tres obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade dos participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal. A organización e a cargo de ambos concellos e cóntase coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o seu financiamento.

Nos seis meses de duración do programa, dez alumnos traballadores participarán na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e outros dez farano no módulo de traballos de carpintería e moble. Todos eles terán a posibilidade de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos da súa especialidade, realizar actuacións en instalacións de ambos concellos para acadar experiencia, recibir o certificado de profesionalidade ao rematar con éxito o obradoiro e acceder a un posto de traballo remunerado neste medio ano de aprendizaxe e formación.

O equipo directivo, docente e administrativo estará formado por un grupo de seis persoas: directora, mestres de cada especialidade, ensino básico e xestión empresarial e un auxiliar administrativo.

Os alcaldes dos dous Concellos organizadores, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, e o Director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, presidiron o acto de presentación obradoiro de emprego, tendo ademais a posibilidade de coñecer e saudar persoalmente aos alumnos e ao persoal docente.

Como anfitrión, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, abriu a quenda de intervencións dándolles os parabéns ás vinte e seis persoas que formarán parte do proxecto. O rexedor larachés salientou «as boas experiencias nos obradoiros de emprego xa realizados con Arteixo» e agradeceu «o apoio da Xunta de Galicia para poder desenvolver este tipo de programas de formación», que considera son «os máis amplos e mellores para os alumnos». López Varela tamén destacou que «escollemos estas especialidades porque teñen demanda de traballadores, e o que pretendemos é formar para a posterior inserción laboral».

O seu homólogo de Arteixo, Carlos Calvelo, referiuse ao esforzo que se está a realizar desde as administracións para combater o desemprego, destacando a «excelente coordinación e a vontade de manter a colaboración entre ambos Concellos e a Xunta de Galicia». Desexoulles sorte aos participantes e animounos a facer «un esforzo para aproveitar ao máximo esta oportunidade para formarse, adquirir experiencia e obter o certificado de profesionalidade», xa que hoxe en día «as empresas demandan titulación para contratar persoal».

O Director xeral Orientación e Promoción Laboral afirmou que entre setembro e outubro a Xunta de Galicia puxo en marcha cen obradoiros de emprego. O iniciou do programa presentado hoxe foi para Alfonso Marnotes un «momento feliz», xa que a «formación e a creación de emprego son cuestións que nos importan a todos». Animou aos participantes a «aproveitar a oportunidade» e lembrou que, ademais da aprendizaxe e a experiencia, as actuacións que desenvolvan nos próximos meses van ser «traballos en beneficio da comunidade veciñal».

Como nos anteriores obradoiros de emprego organizados entre os Concellos da Laracha e de Arteixo, a parte teórica desenvolverase integramente no novo edificio administrativo larachés. A parte práctica realizarase en infraestruturas públicas de ambos municipios, centrándose na Laracha no paseo fluvial do río Anllóns, na área recreativa de Gabenlle e no mobiliario urbano e, en Arteixo, no parque de Monticaño.

Fonte-Concello da Laracha

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos