“O BNG comprométese a apoiar as candidaturas do PSOE e pola súa parte o PSOE apoiará as alcaldías nas que o BNG é a forza máis votada”.
Así explicou o acordo agardado a responsable de política municipal do BNG, Carme da Silva, sinalando que o acordo permitirá configurar “ “un mapa municipal en Galiza cun gran número de gobernos alternativos ao PP no noso país”.
Polo tanto “sempre se apoiarán aos alcaldes ou alcaldesas alternativos ao Partido popular das distintas forzas políticas”.
Lage Tuñas
O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, defendeu a “madurez” de ambas formacións que deciden apoiarse de forma recíproca para facilitar a investidura do candidato socialista ou nacionalista que obtivo máis votos.
Explicou que o Partido Popular sumou o 38% dos votos nas eleccións e PsdeG e BNG un 46% que coloca ás “forzas situadas nas esquerda como maioritarias”.
Lage Tuñas destacou este “primeiro acordo relevante” enmarcado na “primeira xornada” de negociacións “coa que hai que estar satisfeitos”, apuntou. Grazas a estes encontros coa formación nacionalista, asegurou que lograrán que se cumpra “a vontade expresada polos cidadáns” da formación de gran número de gobernos locais “de progreso” en Galicia.