Alberto Romar, considera que “a labor do alcalde é fiscalizar e xestionar”, primando o aforro pero tamén apoiando ás empresas de Santa Comba.
“”Imos mercar en Santa Comba sempre que as empresas sexan competitivas” declarou nunha entrevista en Radio Xallas.
Lembrou que foi unha das súas promesas electorais que está cumprindo. “Un exemplo é a xestión do contedor marrón. Aforramos moitísimo. Pasamos de 43.300 euros e 15.700 coas mesmas condicións”.
Comentou que “estivemos máis de vinte anos comprando todos os conxelados da escola infantil e do comedor sobre rodas a unha empresa fóra e agora pedimos presuposto a unha empresa de aquí”.
Tamén destacou que hai un gasto anual duns 40.000 euros en pellets que se compraban a unha empresa de Pontevedra e “agora cómpranse en Santa Comba”.
Nunha ampla conversa no programa “Na Encrucillada”, tamén se referiu á inclusión na Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía e presentou as actividades do Nadal coa “a axenda cultura de Nadal máis ampla que vivimos en Santa Comba”.
Romar referiuse as xuntanzas veciñais que está mantendo nas parroquias a avogou por facer “unha política colectiva” buscando dar resposta “as incidencias máis grandes cada parroquia”.
Entrevista a Alberto Romar- A partir do minuto 15
Acabar co «asfaltado sobre asfaltado»
Considera que a xente é comprensiva cando se solucionan “necesidades básicas cun criterio” pero “o que se ten que acabar é o asfaltado sobre o asfaltado, esa política de facer votos”.
Outro tema que tratou na conversa foi a problemática eólica, expresando o seu apoio e poñendo como exemplo o proxecto Alvite que afectaría a localidade de Barbeira:”Presentamos un recurso de alzada e imos ir a xuízo porque non queremos ese parque eólico”.
Lamentou a falta de oposición e as expresións utilizadas polo Partido Popular no último pleno e recriminou os populares que non presentaran iniciativas “nin me fixeron ningunha pregunta”.