– Info AXEGA 112-
Os Bombeiros de Santa Comba excarceraron ao condutor do turismo, que quedou atrapado no seu interior tras o impacto.
O accidente ocorreu a escasos minutos das oito e media da pasada tarde. A esa hora, unha persoa particular e que ademais se identificaba como o camioneiro implicado no suceso, contactaba co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que conducía un camión de transporte de maquinaria e que colidira contra un vehículo, na AC-400, na estrada que une Santa Comba e A Silva, ao redor do punto quilométrico 50. Segundo o seu relato, indicaba que a persoa podía estar atrapada no interior do turismo.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros do Xallas.De igual xeito, informaron aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Finalmente, tras rematar a súa intervención, os profesionais de excarceración do Xallas confirmaron que o ferido, tras ser liberado, foi evacuado ao PAC da localidade polos servizos sanitarios para, posteriormente, ser derivado ao centro hospitalario de referencia.