Escoita a entrevista a Federico Pérez e Marcos Pereiro
“Nós dámoslle a todo, porco, tenreira, criollos, e musicalmente igual. As cumbias, pasodobres, baladas, rock, heavy. Fáltanos a música clásica porque non acabamos de collerlle o punto a Beethoven” afirma Federico Pérez.
O humorista nado no Pino do Val(Mazaricos) que coñece ben o terreo:”Santa Comba é coma Roma. Todos os camiños chegan alí”. Sobre o espectáculo deste vindeiro domingo ten claro que se trata “dun divertimento, un espectáculo que consiste en pasalo ben, facendo as nosas versións de cancións e contando uns contiños. Que a xente se relaxe e bote unhas risas”.
A representación é tamén unha homenaxe “a toda esa xente, que son currantes das verbenas. Somos moi festeiros e facíanos gracia o típico dúo que actúa cando non hai moito carto para contratar unha orquestra” afirma Federico Pérez.
“Estamos desexando cantar porque a cuarentena foi dura”
“Os Tristes o que máis lle gusta é a música” responde Marcos Pereiro nunha entrevista en Radio Xallas. Advirte que veñen con toda a súa artillería a Santa Comba:”Vai depender moito da xente pero nós imos co noso repertorio de cancións de hoxe, de sempre e de nunca. Estamos desexando cantar porque a cuarentena foi dura”.
Coincide co seu colega:”Somos moi fanáticos dos dúos. Son fantásticos. Este espectáculo nace vendo un dúo nunha sesión vermú. É unha especie de homenaxe”.Os Tristes actuarán as 21,30h no Campo da Feira. Unha hora antes estará o Mago Xacobe.