9.3 C
Santa Comba
miércoles, mayo 8, 2024

Os Premios do Proxecto Máscaras enchen A Coruña de emocións


Van sete edicións dun premio senlleiro que honra a persoas e entidades comprometidas cos demais, xente que desde abaixo fai moito porque o fai de cote, día a día, e con sentimento.


Por iso, ao carón dun trofeo de cristal tan transparente como as súas biografias, os premiados levan un pin prateado de artesanía galega para colocar no lado esquerdo do peito.

Un pequeno broche, talmente as fivelas dos paladíns ártabros, que representa a unha tartaruga; o símbolo dun andar lento pero firme, sen pausa. Coma o dos astros.


Este ano foron sete os que recibiron os premios Boas Prácticas Cidadás que concede a Asociación Proxecto Máscaras, galardóns entregados nunha gala que se celebrou este xoves no salón de actos da ONCE nos cantóns da Coruña.


Aqueles que un día recibiron os nomes de Porlier e Lacy. Na Marineda de dona Emilia, na cidade de cristal, unha columna de vidro tallado serviu de trofeo para sinalar as estrelas do serán de outono.

Rafael Lema, Paula Mouzo e Juan Amado

Paula Mouzo, percebeira e moitas cousas máis


Unha das recoñecidas este ano era da Costa da Morte: Paula Mouzo Mas, percebeira de Camariñas, deputada e moitas máis cousas. Ten unha alta vocación social, de servizo, por iso é concelleira en Camariñas e deputada no Parlamento de Galicia. No PPdG e no Parlamento forma parte de comisións e comités de igualdade, movementos sociais, pesca.

Houbo un momento de recordo para unha camellana adoptiva (muller de Tucho de la Barrera) e gran coruñesa moi involucrada coa APM, Ángeles de la Iglesia.
Este acto recoñece a xente extraordinaria que fai cousas que melloran a sociedade, que fan un mundo mais xusto. Paula Mouzo, como muller, é un referente para moitas, un exemplo dunha rapaza que entrou en campos moi marcados polo varón, incluso vetados as mulleres.


Nun mundo de varóns como o da construción ela desde nena andaba pendurada dos andamios, coa funda de obra posta e a caixa de ferramentas por xoguete. E desde moza foi aprendendo fontanería, electricidade, albañilería. Nun mundo de varóns como o da pesca (por amor ao mar e súa muller percebeira, Rocío), lanzouse con ela a loitar cos tombos da Costa da Morte na súa embarcación.


Nun mundo tan tradicional como o das vilas mariñeiras Paula tivo a valentía de non ocultar o seu xeito de amar, casar con outra muller, ter unha filla; e defender os dereitos do seu colectivo. Foi a primeira voda legal entre mulleres da Costa da Morte, un ano antes de que casaran dúas mulleres en Nova York.

Nun mundo de varóns como o do fútbol, desde nena colouse nos partidos dos nenos, sen medo aos insultos e as patadas. Co seu esforzo e o doutras compañeiras este ano lograron formar o equipo de fútbol de mulleres de Camariñas e a primeira Liga da Costa de fútbol feminino. Podemos pensar que é un verso solto nunha sociedade rural mariñeira tradicional, nun partido conservador. Eu creo que é un exemplo dunha base social que medra nunha vaga imparable, e ten que animar ás forzas políticas e sociais. Voces ceibes que, á forza de non calar, fanse escoitar.

Como indicaron desde a entidade, os agraciados «todos teñen en común comportamentos e actitudes persoais que se basean en principios de ética e compromiso co desenvolvemento».

E destacan desde a Asociación Proxecto Máscaras unha convicción «que algo sexa unha excepción non implica que sexa excepcional senón, simplemente, que encerra unha oportunidade».

Así traballan coa diferencia como gran valor enriquecedor da sociedade, procurando visibilizar a diversidade social, cultural. Levan a cabo proxectos audiovisuais, contidos pedagóxicos coa experiencia dos proxectos, investigación social, defendendo a dimensión social das persoas na formación e sensibilización, a innovación social participativa no espazo público. Pero, sobre todo, crean redes de colaboración «recoñecendo as excepcións, as diferencias, a diversidade e as Boas Prácticas como base para o aprendizaxe».


E cada ano desde APM consiguen encher de emocións o ateigado salón de actos da ONCE, este ano cunha nutrida participación camariñá. Cada alocución dos premiados e dos seus mentores vai acompañada de sentimento, de ollos que se volven manacial de bágoas, e de olladas cómplices e solidarias.


Este tipo de premios descobren unha sociedade viva, activa, chea de xente boa e xenerosa, desprendida en tempo e ansia por axudar. Un traballo calado, que obtén recompensas coma esta. Unha labor de base, pero íntegra e sorprendente. A gran obra da APM é vencellar todas estas historias, amañar redes de intercambio e interconectividade que multiplican as accións creando una marea de esperanza.

Proxecto Máscaras


A entidade entregou na sede da ONCE na Coruña os sete galardóns da súa sétima edición a persoas e entidades designadas polos nominados na anterior cita. O ano pasado eu fun nominado por Xosé Manuel Barros de Mar de Fábula. Este ano nominei a Paula Mouzo Mas. Foi acompañada por un bombeiro de Cambre, Óscar Palleiro Morlán, voluntario social no salvamento de persoas no Mediterráneo. Unha actriz, Rita Rodríguez, activista cultural e social, docente.

Os outros distinguidos foron María José Bao Carreira, cofundadora da oenegué Acoes, con sede na Coruña, que axuda aos máis desfavorecidos de Honduras. Pilar Ramallal Fernández, pola súa implicación no acompañamento a adolescentes. Tamén premiaron a Anxo Meijide Rico, un dos fundadores da Asociación Raíña Paraíso, que dá novas oportunidades e recupera o rural no interior da provincia.

Porque non só hai espazo nesta edición para a gran rede urbana coruñesa senón para as comarcas: Mesía, Costa da Morte. O premio especial foi para as Melandrainas de Arteixo pola súa aposta por unha cultura sen etiquetas, feita por mulleres sen freo.

Para o ano que vén poden ser xa medio cento de homes e mulleres as persoas recompensadas no estrado da APM noutra gala chea de sentimentos como a vivida o xoves entre chuvias e escampadas.

Xente que en moitos casos representa a grupos humanos, entidades, que suman unha vizosa borraxeira de humanidade e valores que vai calando na nova sociedade que entre todos axudan a recuperar.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,240SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos