Logrouse un dos grandes obxectivos do sector leiteiro galego. As cooperativas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas acordaron promover unha “integración cooperativa galega” e sumar esforzos constituíndo un gran grupo cooperativo e unha referencia na produción leiteira do país. Os representantes das cooperativas, José Montes(Feiraco), José Angel Blanco(Os Irmandiños), Pablo Costoya(Melisanto) e José Manuel Castro(Xallas) participaron na presentación da alianza.
As catro cooperativas teñen máis de 4.300 socios, 437 traballadores e unha produción anual que supera os 400 millóns de litros de leite. Con esta alianza terán o 20% do mercado.
O vindeiro 31 de outubro está prevista a celebración de asembleas xerais nas catro cooperativas para que os socios ratifiquen o acordo ao que se chegou, xa que os promotores pretenden que a nova sociedade estea funcionando desde xaneiro de 2017.Están abertos á integración de novas cooperativas.
Unha oportunidade única
O director xeral de Feiraco, José Luís Antuña está convencido de que este “proxecto esperanzador” é “o inicio dun proxecto de maior dimensión” e asegurou que o proceso de integración fíxose dunha maneira “sólida, transparente e clara” e destacou que se trata “dunha oportunidade única”.
Desde a consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia felicitaron ás catro cooperativas “pola súa decisión de unirse nunha soa co fin de crear un grupo lácteo de referencia en Galicia”.
Desde o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez esta é a liña a seguir e “coincide coa filosofía que sempre defendeu a Xunta sobre a necesidade de contar cun gran grupo que lidere o sector leiteiro en Galicia para defender os intereses de todos os elos da cadea. Deste xeito lógrase estabilidade e abaratamento de custes”.
Foto-CRTVG