Acto de clausura do obradoiro que compartiron os concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría.
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, presidiu a clausura do obradoiro de emprego que compartiron os concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría. No acto, que se desenvolveu na Casa do Pozo xalleira, tamén estiveron presentes a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco e a tenente de alcalde de Dumbría, María Agulleiro. Así como os concelleiros do goberno xalleiro Esther Espasandín, José Pose e Javier Facal.
Os representantes municipais aplaudiron os resultados desta iniciativa e expresaron a súa vontade de seguir elaborando proxectos conxuntos e pediron o apoio da Xunta de Galicia. María Pose, Juan Blanco e María Agulleiro coincidiron en apoiar este demanda e expresar a súa satisfacción polo obradoiro organizado.
Os obradoiros pasarán a ser de 9 meses
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, confirmou que a Xunta de Galicia vai a seguir apostando por esta modalidade e anunciou que “se incrementaron os fondos destinados a estes programas e tamén os meses que pasan de seis a nove meses para consolidar e afianzar a experiencia formativa”.
Rodeiro animou aos concellos a “seguir con este formato de cooperación” e felicitou a alumnos e profesores polos resultados deste obradoiro.Pola súa banda, a directora do obradoiro Anabel Piñeiro destacou o éxito do obradoiro tanto na aprendizaxe como nas prácticas e animou aos alumnos a seguir formándose.
O obradoiro “Posta en valor dos núcleos rurais no entorno do Camiño de Santiago dos concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría”, formou durante seis meses a 10 traballadores e traballadoras na especialidade de “Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanizacións” e a outros dez na especialidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”.