Lamentan a falta de autonomía e as dependencias da decisión do lehendakari vasco.
O calendario aprobado polo goberno galego apura a maquinaria dos partidos, que barallaban distintas posibilidades. O Partido Socialista atópase pendente de aprobar as listas que a bo seguro xerarán friccións. Os resultado do proceso de elección de listas deixaron a “homes fortes” do candidato Xoaquín Fernández Leiceaga fora das mesmas. É o caso de Patricia Vilán ou Gonzalo Caballero. Agora Xocas tentará adaptalas ao seu gusto, sen causar demasiada polémica e buscando unha negociación con Abel Caballero. Sobre os comicios, Leiceaga lamentou que finalmente fora Íñigo Urkullu o que marcara a data o que definiu como unha “incoherencia” do presidente da Xunta de Galicia.
En Marea non ten candidato nin candidaturas e está a espera da decisión de Podemos para pechar a marca electoral, con todo isto os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega e A Coruña, Xulio Ferreiro, afirman que a formación está en condicións de disputarlle a hexemonía electoral ao Partido Popular e critican que a decisión de Feijóo estea “subordinada á estratexia do PNV”. Para a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, o 25 de setembro era a data “esperada” despois da convocatoria feita polo lehendakari vasco. Así mesmo indicou que isto supón “un plus extra” de motivación para un partido que o mércores pola mañá dará a coñecer a súa fórmula de concorrencia electoral.
A candidata do BNG, Ana Pontón xa advertirá horas antes da comparecencia de Feijóo que o seu partido “estaba preparado para calquera escenario electoral”. Despois do anuncio oficial, Pontón Mondelo dixo que Feijóo xogaba con “ventaxismo” e de ser un presidente da Xunta que non exercía as súas “competencias exclusivas” e cunha palabra “que non vale nada ou case nada”. O Bloque Nacionalista Galego entende que deste xeito limítase o tempo de debate e prexudica ós cidadáns. Lembrou que o BNG xa ten elaboradas as listas e moi avanzado o programa electoral.
O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas lamentou que “Feijóo engane unha vez máis aos galegos incumprindo a súa palabra de rematar a lexislatura, e renunciando a que haxa unhas eleccións en chave estritamente galega” e critica que “o presidente de Galicia poña o país ao servizo dos intereses do seu partido e das ordes de Génova pensando nunhas posibles terceiras eleccións xerais ou nos efectos do xuízo da trama Gürtel e non na nosa terra”. Bascuas asegura que “Compromiso está preparado para estas eleccións porque fixemos os deberes, temos os cabezas de lista elixidos nun proceso aberto e transparente e o programa electoral moi avanzado. E estamos convencidos de que estaremos no Parlamento de Galicia porque a Feijóo acabóuselle o crédito e só hai unha alternativa centrada e galeguista chamada Compromiso por Galicia”.
Coa convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, as eleccións quedan fixadas para o 25 de setembro. Elixiranse 75 deputados. A Coruña(25), Pontevedra(22), Ourense(14) e Lugo(14). O prazo de presentación de candidaturas fíxase entre o 17 e o 22 de agosto. A campaña electoral iniciarase o 9 de setembro e prolongarase ata o 23.