O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de remitir unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, na que solicita “unha reunión urxente” para “tratar a discriminación territorial” de Galicia.
A petición está apoiada por Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.
Fan referencia ao Real Decreto-lei no que se aproban axudas directas de 355 millóns e de euros para o sector de carne e de leite de vacún, ovino e caprino e 5 millóns para o apícola n resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivadas do conflito bélico en Ucraína.
❌🗣️ Rexeitamos de plano a discriminación territorial dos gandeiros galegos nas medidas do Goberno central que hoxe se publican no Boletin Oficial do Estado pic.twitter.com/v9cHpLuRgK
— José González Vázquez (@JoseGonVaz) May 12, 2023
Segundo a Xunta e as entidades asinantes “as axudas directas aprobadas supoñen, no caso do gando vacún -que é o maioritario en Galicia-, 157 euros por vaca nutriz de vacún de carne e 61 euros por vaca nutriz de leite, percibindo esta cantidade os produtores que teñan as súas explotacións na denominada zona de afección alta”.
Explican que “Galicia encádrase na zona de afección moderada, polo que lle corresponden tan só un 25 % das axudas directas establecidas para as zonas de afección alta. Ademais, no caso da apicultura, dos 5 millóns de euros previstos para o conxunto do Estado, Galicia tan só recibiría 15.500 euros, cantidade insuficiente para a nosa Comunidade Autónoma e que reflicte unha clara discriminación territorial”.
Sinalan que “a situación de incremento de custos de produción está incidindo na gandaría de todo o territorio español de forma moi significativa, con sectores nos que non se observa suba dos prezos en orixe que sexa capaz de cubrir dito incremento” e entre outras apreciacións consuderan que “é totalmente inaceptable a discriminación territorial que sofre Galicia na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei”