6.3 C
Santa Comba
jueves, mayo 2, 2024

A banalización das ideoloxías

Facha. Comunista. Fascista. Nazi. Separatista. Etiquetas que se regalan ultimamente con suma xenerosidade. Tal é a bondade de quen as reparte que rematan por perder até o sentido orixinal. Evidentemente son termos que se empregan a modo de insulto e que as máis das veces son asignados a persoas que nada teñen que ver coa crenza da existencia dunha superioridade racial, do escuadrismo político matonil, da ditadura do proletariado ou con quen defende o dereito á emancipación nacional.

Nestes tempos nos que calquera argumento debe ser comprimido en 140 carácteres, non teñen cabida discursos elaborados, polo que resulta máis sinxelo descualificar á persoa coa que se debate que entrar nun razoamento sosegado ou de pensamento construtivo. E moito menos no ámbito da política, no que o mercado electoral é cada vez máis mercado e menos política. De feito, este é un territorio no que a acción é cada vez máis simbólica, xestual, de audiovisual de 20 segundos.

Desde que Fukuyama anunciara o final das ideoloxías na década dos 90, leva perpetrándose o asasinato das mesmas(aínda en grao de tentativa). E todo apunta a que, ante esta imposibilidade, procedeuse a baleirar de contido este eixo dicotómico vertebral da política. E se ben é certo que a primeira en disparar foi a dereita, diminuíndo o propio concepto da política, nos últimos tempos a esquerda non ficou parada. E nalgunha ocasión actuaron sincronizadas: as versións españolas de ambas bandas quixeron minguar o significado do galeguismo separándoo da reivindicación nacional galega, querendo levalo ao espazo do significante baleiro.

A redución do pensamento máis elaborado a un máis difuso, permite investir menos tempo na formación ideolóxica do individuo, no recoñecemento máis inmediato dos «teus» e na localización máis rápida das chaves interpretativas de calquera debate. Así, se un defende a iniciativa privada, sabemos que sen dúbida é un liberal recalcitrante; se alguén defende o Estado do Benestar é claramente un socialista irredento; ou se alguén toma como democrático o dereito dos pobos a decidir o seu futuro, indubidablemente é un perigoso secesionista.

E nada importa que a socialdemocracia asuma a importancia da empresa privada na xeración de emprego, ou que haxa un segmento do liberalismo que acepte que o Estado tamén debe ser garante das necesidades mínimas dunha comunidade ou que o dereito de autodeterminación sexa un principio asumible por calquera demócrata. Unha soa palabra basta para identificar ao inimigo. Velaí que, nestes tempos de hastag, de barricada intelectual, sexa máis doado sumar adeptos cun simple «hai que botalos» que explicar que se quere facer cando xa se teñan chimpado fóra das responsabilidades do poder.

Todo isto favorece a aparición do seguidor acrítico, ao que non hai que formar, que cun simple sinal saberá distinguir o que é positivo ou negativo (a modo de resposta paulovina), que cunha soa imaxe saberá identificar se o de enfronte é amigo ou inimigo (na máis pura formulación de Karl Schmitt), e ao que bastará con mantelo fiel simplemente apelando ao cualificativo axeitado.

A banalización das ideoloxías consigue a hooliganización da identidade partidaria, reducindo a política ao nivel intelectual do fútbol. E máis aceptable o incumprimento da palabra e dos compromisos dos líderes propios, xa que basta apelar á agresión allea, ao argumento de «veñen por nós», para minimizar o impacto da incongruencia ou da falla de coherencia. Xa que logo, permite pasar do si ao non, do non á abstención e volta a empezar con seareiros que asumiran o si, o non, a abstención ou todo o contrario sen ter que perderse en reflexivas diatribas.

Quen sabe, ao mellor Arsenio Iglesias, grande referente político, trabucábase cando afirmaba aquilo de «non todo vai ser fútbol».

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,240SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos